Nota de Prensa
O PLENO APROBOU POR UNANIMIDADE UNHA MODIFICACIÓN DE CRÉDITO DE 227.000 EUROS PARA FACER FRONTE AOS DANOS CAUSADOS POLAS RIADAS DO PASADO MES DE XUÑO.
Burela, 3 de setembro de 2010. O pleno aprobou por unanimidade unha modificación de crédito por importe de 227.000 euros para facer fronte aos danos causados polas riadas do pasado mes de xuño e tamén outra modificación de 44.000 euros provintes do aforro da masa salarial “que se destinarán a amortizar os intereses dos préstamos que temos en vigor”, segundo ven de explicar o alcalde de Burela. O punto relativo ao recoñecemento extraxudicial de créditos só foi aprobado cos votos favorables do equipo de goberno.
Na sesión tamén se someteron a aprobación dúas mocións presentadas polo PP, unha sobre as Casas Baratas e outra sobre a devolución que o Concello terá que facer ao Estado polos anticipos recibidos no ano 2008. Ambas mocións foron rexeitadas e o equipo de goberno aprobou as enmendas plantexadas a esas propostas populares. Alfredo Llano sinalou que “no caso das Casas Baratas nós seguimos abogando por que se leve adiante o proxecto comprometido no seu día polo anterior goberno da Xunta, que ademáis tería un custe cero para os veciños deses inmobles. A creación dun ARI que propón o PP non nos parece axeitada por diversos motivos, pero sobre todo, porque os afectados deberán costear parte da inversión a realizar”.
O rexedor engadiu, sobre a devolución de 172.000 euros que o Concello de Burela deberá facerlle ao Estado, que “o mellor sería non ter que efectuar esa operación ata que a economía medre por enriba do 2% e si fose posible realizala en prazos, por exemplo nuns 10 anos. Nós o que demandamos tamén na nosa enmenda é axuda por parte da Xunta hacia os Concellos a través dos plans de cooperación”.
Llano criticou que “o PP de ausentase no pleno cando íamos ratificar as alegacións presentadas diante das Directrices de Ordenación do Territorio da Xunta. O que fan os populares é ocultarse diante dalgunhas determinacións do goberno galego e o que demostran é que non teñen claro que Burela deba ser cabeceira comarcal. Non entendemos a súa postura”.