Nota de Prensa
O grupo “Máis talento e menos cemento” é un colectivo que se creou na rede social facebook o pasado mes de marzo e na actualidade conta con 650 membros de todas as procedencias. Ten un talante aberto, formado por persoas de moi diversas ideoloxías, no que calquera pode participar sempre que comparta o seu obxectivo básico: Defender un desenvolvemento sostible e racional, e polo tanto, oporse á brutal especulación urbanística da que foi e segue sendo vítima o noso litoral, e da que Barreiros é un dos últimos exemplos. Entre algúns dos seus membros máis coñecidos destacan a xornalista Belén Regueira, o articulista e avogado Xoán A. Pérez Lema, o investigador e etnógrafo Antonio Reigosa, os escritores María Reimóndez, Xabier DoCampo, Henrique Alvarellos, Santiago Jaureguízar ou Manolo Portas, o empresario e columnista Rafael Cuíña Aparicio, actores como Monti Castiñeiras ou Comba Campoy, músicos como Habelas Hainas ou Ugia Pedreira, etc., ademais de asociacións culturais como Galicia Encantada, O Castro da Atalia, Rinlo Bai, A.C. Cultura do País ou A Túa Creación.
“Máis talento, menos cemento” pretende facer visible que outra forma de crecemento é posible, que para avanzar cara ao futuro non fai falla destruír o pasado e que manter a personalidade das nosas vilas, aldeas ou cidades é garantía de futuro. Para iso organizaremos diferentes eventos, entre lúdicos e formativos, autofinanciados nun 100% grazas á colaboración desintesada e xenerosidade de persoas comprometidas con esta causa.
Con esta finalidade nace a I Festa de exaltación do cemento que adicará un día enteiro para gozar da música en directo, de poesía, e de actuacións teatrais de grandes actores galegos. Comezará ás 11:30 da mañán cun pasarrúas polo pobo que sairá do campo de fútbol e fará paradas nos lugares máis emblemáticos da súa historia e nos que veciños ben coñecedores da mesma lles explicarán aos asistentes o significado e transcendencia dos seus fitos culturais máis importantes. O seu obxectivo é facer visible o talento que a xente de Barreiros amosou de xeración en xeración dende os difíciles tempos da dictatura. A partir das 21:00 comezarán as actuacións de músicos e actores en directo, así como a emisión do vídeo “imaxina barreiros” de Comba Campoy e Laly López, tal como figura no programa que se envía con esta nota de prensa.
Con esta festa preténdese exaltar o talento que demostrou ter a xente do concello ao longo da súa historia (no folklore, deporte, teatro,…) e opoñelo de forma lúdica e retranqueira á desfeita do cemento como única alternativa de futuro que se nos ofrece.