A 90.000 EUROS ASCENDEN AS OBRAS QUE O CONCELLO ESTÁ A REALIZAR NA RÚA VILLANDRANDO, UNS TRABALLOS QUE OCASIONARON CAMBIOS NO TRÁFICO RODADO PARA FACILITAR O ACCESO Á GARDERÍA E AO CENTRO DE DÍA.
Ribadeo, 30 de setembro de 2010. A 90.000 euros ascenden as obras que o Concello está a realizar na rúa Villandrando, uns traballos que ocasionaron cambios no tráfico rodado no casco histórico para facilitar o acceso á gardería e ao centro de día.
O alcalde, Fernando Suárez, sinalou hoxe que “a vila de Ribadeo está inmersa en importantes obras e agora sumamos outra máis que é a recuperación integral da rúa Villandrando, un vial que está entre o Concello e a Torre dos Moreno e que é unha das principais rúas de saída do casco vello, moi frecuentada polos pais e nais dos nenos da gardería”.
Suárez Barcia subliña que “os traballos se realizan con cargo aos orzamentos municipais de 2010, eses presupostos que tivemos que someter a unha cuestión de confianza porque queríamos facer inversións en Ribadeo e ésta é unha delas. Esta obra terá un custe de 90.000 euros, está cofinanciada polo Ministerio de Vivenda, pola Xunta e polo Concello e suporá a recuperación dunha parte moi importante e moi degrada dun vial do casco vello. E para iso lóxicamente estaremos durante dous meses con esta rúa cortada, o que ocasionará dificultades aos veciños do casco vello e tamén aos usuarios da gardería e do centro de día A Concordia”.
O rexedor engadiu que “para atenuar as molestias e o impacto negativo que as obras producen nos residentes e nos usuarios destes lugares fixemos unha serie de operacións loxísticas para garantir que os nenos poidan rodear o Concello e entrar por outro punto á gardería sen ter que pasar por esta rúa Villandrando. O que sempre digo é que para facer tortilla hai que romper ovos e vánse producir molestias, pero sen dúbida dentro de poucas semanas esta obra estará rematada e será un orgullo para o casco vello e para todos os ribadenses en xeral”.