Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Foz leva gastado desde o 2007 uns 90 mil euros en horas extras, asegura o BNG que pide máis control

Nota de Prensa

O BNG DE FOZ PIDE MÁIS CONTROL SOBRE AS HORAS EXTRAS

O Concello leva gastado desde o 2007 sobre 90.000 euros en horas extras vulnerando o Estatuto dos Traballadores e o propio Convenio

Foz, 22 de setembro de 2010.- O BNG denuncia o descontrol de gasto que se produce nas horas extras do persoal do Concello non só polas cantidades desmesuradas que se pagan mensualmente por este concepto senón, é o que é máis grave, pola falta de control que existe á hora de xustificar ditas horas, saltándose todos os canles legais e vulnerando o Estatuto dos Traballadores e o propio Convenio Colectivo vixente no Concello.

O primeiro que se advirte é que o Concello está utilizando de forma abusiva horas extras do seu persoal. Desde o ano 2007 levase pagado en este concepto case 90.000 euros que se distribúen anualmente da seguinte maneira: no ano 2007 pagáronse en horas extras 23.590 €; no ano 2008, 26.980 €; no ano 2009, 23.580 € e no que levamos do ano 2010 máis de 12.000 €. Esta evolución indica que o Concello, a pesares de ter contratado máis persoal, non reduce en nada as horas extras dos seus traballadores e traballadoras, facendo de algo que por lei debe ser excepcional algo habitual e fixo. Co gastado en horas extras o Concello de Foz podería ter contratado e darlle traballo a dous ou tres novos traballadores.

Para o BNG, segundo advirten os informes mensuais de Intervención do Concello, dáse en case todas as ordes de pago das horas extras unha circunstancia totalmente irregular e non axustada a dereito que é a falta do expediente no que conste a necesidade de realizar os traballos extraordinarios e o seu carácter excepcional, a conformidade do empregado e a xustificación de que non se poden compensar con descansos por necesidade do servizo, cousa que non se fai en ningún caso.

A parte disto, o Grupo de Goberno “socialista” vai en contra da legalidade vixente en materia de horas extraordinarias pois está vulnerando tanto o Estatuto dos Traballadores (artigo 35/2) como o propio Convenio Colectivo do Concello asinado cos traballadores onde di claramente que o número de horas traballadas, fóra da xornada normal, non poderán nunca sobrepasar, os límites de 80 horas ao ano por cada traballador. Así, deixase constancia nas distintas ordes de pagamento do alcalde por horas extras que moitos traballadores exceden das 80 horas, incluso chegando nalgúns casos a duplicalas.

Naturalmente esto é debido a unha falta de planificación e organización do traballo por parte das distintas áreas de goberno, prevendo en todo momento as horas extras necesarias que se poden facer e non deixando todo á improvisación. “O traballo no Concello está descoordenado e abandonado á improvisación cos custes económicos e laborais que isto conleva. E isto é exclusivamente unha responsabilidade do Alcalde por ser o xefe de persoal”, afirma o portavoz municipal do BNG, Xan Carlos González Basanta.

Desde o BNG, a través desta denuncia, queremos instar ao Goberno Municipal que controle e rebaixe o gasto en horas extraordinarias dos seus traballadores organizando mellor o traballo, non só polo gasto que estas supoñen para o Concello nuns momentos críticos para as arcas municipais senón tamén pola saúde e os dereitos laborais dos propios traballadores e traballadoras que están recoñecidos no seu Convenio Colectivo.

Exit mobile version