Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Cervo habilita unha zona verde no campo da festa de Trasbar

Nota de prensa:
O CONCELLO HABILITA UNHA ZONA VERDE NO CAMPO DA FESTA DE TRASBAR PARA ADICALO AO ESPAREXEMENTO PÚBLICO

*

A remodelación da zona levada a cabo polo Concello posibilitou a creación dunha pequena área con zona para merendeiro e xogos infantís

Cervo, 18 de setembro de 2009.- Continuando coa súa política de recuperación e posta en valor dos espazos naturais máis senlleiros do termo municipal, o Concello de Cervo ven de acometer a mellora medioambiental dunha parcela anexa ao Campo da Festa do núcleo rural de Trasbar co obxecto de recuperar o seu valor paisaxístico a través da creación dunha pequena área de lecer pública que permitirá a realización de actividades de carácter recreativo integradas co medio ambiente.

Segundo indicou o rexedor cervense, Alfonso Villares, as obras consistiron no acondicionamento dunha parcela cedida pola familia Piñeiro Díaz anexa ao Centro Social deste núcleo de poboación e no que se colocaron diverso mobiliario urbano coma bancos, mesas de merendoiro, un asador e auga que se integran coa contorna e coa paisaxe. Ademais, nesta área tamén se instalaron xogos infantís para o uso dos nenos deste burgo do rural cervense.

O mandatario local e a concelleira de Asuntos Socias, Pilar Armada, mantiveron onte unha xuntanza cos veciños de Trasbar para darlles a coñecer estas melloras e tamén aproveitaron o encontro para atender as súas inquedanzas e necesidades. Villares agradeceu a colaboración da familia Piñeiro Díaz por ceder o terreo que posibilitou levar adiante esta pequena infraestrutura e recordou que esta actuación na contorna do Campo da Festa de Trasbar era unha das principais demandas dos veciños deste núcleo de poboación por tratarse dun lugar “de especial significado sentimental e patrimonial para moita xente que vive aquí”. Villares dixo tamén que este investimento enmárcase dentro do programa municipal que esta a levar adiante o Concello de Cervo mediante o cal está previsto recuperar máis de 7.000 metros cadrados do municipio para destinalos a áreas verdes e de lecer.

O alcalde reiterou que un dos principais obxectivos do equipo de Goberno local é continuar co traballo iniciado en anos anteriores co proxecto Terras de Azul Cobalto “e tentar facer de todo o municipio unha gran área verde como signo distintivo da calidade de vida da que gozan os seus cidadáns”.

Exit mobile version