Nota de Prensa
O CONCELLO COMEZA A PREPARAR O SEU PROXECTO MEMORIAS DO OFICIO DO MAR COA CONTRATACIÓN DUNHA LICENCIADA EN HISTORIA. O TRABALLO RECOPILADO E ELABORADO QUEDARÁ PLASMADO NUN LIBRO E NUN VIDEO.
A concelleira Remedios López explica que “Olga Suárez Mesías será a encargada de levar adiante o proxecto con testemuñas directas do inicio, do desenrolo e do crecemento da economía marítima. E plasmará en material impreso e audiovisual a vinculación do concello de Burela co mar, a través de entrevistas a persoeiros relevantes da vida municipal que ofrecerán a súa visión da historia recente de Burela. Ademáis recollerá as vivencias marítimas cos xubilados do mar e as súas familias”.
A edil socialista sinala que “Olga Suárez dedicará os primeiros meses da súa contratación a recopilar información do arquivo histórico da cofraría de pescadores San Juan Bautista de Burela, xa que a vila tivo porto baleeiro no século XVI, aínda que o primeiro peirao fíxose no ano 1931. Faremos tamén un recordatorio das empresas que se foron xuntando ao carón do peirao e que crearon postos de traballo como: dúas fábricas de salazón, a de José Correa e a de Timote; Conservas Bravo de 1955; os asteleiros da época; a cofraría de pescadores; as naves da trocha…”.
López Villar engade que “unha vez rematada a recopilación de datos iremos enlazándoos mais a diante coas entrevistas a persoaxes relevantes en Burela no mundo do mar que nos contarán en primeira persoa como recordan a construción do organismo que lideran e que supuxo o despegue do porto: a construción do faro, a creación de ABSA, a Capitanía Marítima, a Casa do Mar, o Intituto Social da Marina, o edificio de Portos… E tamén nos achegaremos aos xubilados do mar e ás súas familias, testemuñas directas do desenrolo e do crecemento para que nos conten as súas vivencias na galerna, na guerra do bonito ou simplemente da evolución e melloras que fixeron os barcos. O seu periplo polo tempo, pasando de chalanas a barcos a vapor ata os actuais buques de ferro coas últimas tecnoloxías electrónicas. Recordos aletargados que quedarán plasmados para sempre nun exemplar escrito e en audio do proxecto “Memorias do oficio do mar de burela”.
A concelleira do Mar lembra que “todo este proxecto levarase a diante grazas á subvención concedida ao 50%, a través do GAC da Mariña-Ortegal cos Fondos Europeos da pesca, o resto do orzamento será a cargo do concello. Os importe necesarios para levar a diante esta actividade serán 40.120,38€ dos que 16.268,52 € irán destinados para a contratación da licenciada en historia”.