Site icon Crónica3.com A Mariña

O CENTRAD presta 11 instrumentos para o 50 Festival Medieval de Hita, en Guadalaxara

Nota de Prensa

O CENTRAD presta 11 instrumentos do seu Arquivo Musical para o 50 Festival Medieval de Hita, en Guadalaxara

– As pezas musicais forman parte da exposición permanente, declarada pola Xunta “Colección Visitable”, que ademais é a única de Europa cun apartado de réplica de instrumentos medievais

– A colaboración da Deputación completa o programa do certame centrado na figura do Arcipreste e a súa relación coa música, tal e como se reflicte no “Libro de Buen Amor”

O Centro de Artesanía e Deseño da Deputación prestou 11 instrumentos da Exposición Permanente e do Arquivo Musical para a celebración do 50 aniversario do Festival Medieval de Hita organizado pola Deputación de Guadalaxara, e que se centra sobre a figura do Arcipreste, a súa relación coa música e os instrumentos musicais, tal e como se reflicte no “Libro de Buen Amor”.

Deste xeito, a colaboración do CENTRAD completa o programa do certame no que se inclúe unha mostra formada por instrumentos musicais que aparecen no libro, con especial atención á iconografía organolóxica medieval conservada nas localidades de Castela A Mancha. As pezas prestadas polo centro dependente da Deputación forman parte  dun amplo catálogo de instrumentos reais e, por tanto, un valioso patrimonio que permite coñecer como era e como soaba a música da época, e que foi recoñecido pola Xunta de Galicia como “Colección Visitable”. Son seguintes: cítola, arpa, rota-salterio, viola de tres cordas, laud, viola de brazo, pandeiro, pandeira, gaita serrana, terrañolas e zánfona.

A mostra musical foi inaugurada hoxe e manterase aberta ó público na localidade castelá-manchega ata o 11 de outubro. Ademais de réplicas de instrumentos musicais do Pórtico da Gloria e do Pazo Xelmírez de Santiago de Compostela e ilustracións de instrumentos musicais que aparecen nas Cantigas de Santa María, tamén inclúe unha reprodución facsímil de fragmentos do “Libro de Buen Amor” e unha reprodución dos músicos de Valdeavellano, da catedral de Sigüenza e doutros templo románicos da provincia de Guadalaxara.

A única de Europa na réplica de instrumentos medievais

A Exposición Permanente do CENTRAD, que está formada por 402 pezas, inaugurouse oficialmente en marzo de 2008. É a única exposición de instrumentos musicais catalagoda e baseada en criterios científicos que existe en Galicia e a única de Europa que conta cun apartado de réplica de instrumentos medievais, o que fan que sexa unha mostra de incalculable valor.

Artéllase en tres salas de xeito que os instrumentos están agrupados segundo os elementos acústicos e as súas características morfolóxicas: aireófonos, cordófonos, idiófonos e membranófonos. Deste xeito, na primeira sala, pódese atopar unha colección de trompas de boca e réplicas de instrumentos do s. XIII, ademais dunha copia das ménsulas do Pazo de Xelmírez de Santiago. Na segunda, pódese apreciar os segredos do funcionamento dun órgano da catedral e unha colección de gaitas. Finalmente, na terceira, consérvase un exemplar de Clave Español do século XVIII, así como varias réplicas dos instrumentos do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago.

Exit mobile version