O CENTRAD presta 11 instrumentos do seu Arquivo Musical para o 50 Festival Medieval de Hita, en Guadalaxara
– As pezas musicais forman parte da exposición permanente, declarada pola Xunta “Colección Visitable”, que ademais é a única de Europa cun apartado de réplica de instrumentos medievais
– A colaboración da Deputación completa o programa do certame centrado na figura do Arcipreste e a súa relación coa música, tal e como se reflicte no “Libro de Buen Amor”
O Centro de Artesanía e Deseño da Deputación prestou 11 instrumentos da Exposición Permanente e do Arquivo Musical para a celebración do 50 aniversario do Festival Medieval de Hita organizado pola Deputación de Guadalaxara, e que se centra sobre a figura do Arcipreste, a súa relación coa música e os instrumentos musicais, tal e como se reflicte no “Libro de Buen Amor”.
Deste xeito, a colaboración do CENTRAD completa o programa do certame no que se inclúe unha mostra formada por instrumentos musicais que aparecen no libro, con especial atención á iconografía organolóxica medieval conservada nas localidades de Castela A Mancha. As pezas prestadas polo centro dependente da Deputación forman parte dun amplo catálogo de instrumentos reais e, por tanto, un valioso patrimonio que permite coñecer como era e como soaba a música da época, e que foi recoñecido pola Xunta de Galicia como “Colección Visitable”. Son seguintes: cítola, arpa, rota-salterio, viola de tres cordas, laud, viola de brazo, pandeiro, pandeira, gaita serrana, terrañolas e zánfona.
A mostra musical foi inaugurada hoxe e manterase aberta ó público na localidade castelá-manchega ata o 11 de outubro. Ademais de réplicas de instrumentos musicais do Pórtico da Gloria e do Pazo Xelmírez de Santiago de Compostela e ilustracións de instrumentos musicais que aparecen nas Cantigas de Santa María, tamén inclúe unha reprodución facsímil de fragmentos do “Libro de Buen Amor” e unha reprodución dos músicos de Valdeavellano, da catedral de Sigüenza e doutros templo románicos da provincia de Guadalaxara.
A única de Europa na réplica de instrumentos medievais
A Exposición Permanente do CENTRAD, que está formada por 402 pezas, inaugurouse oficialmente en marzo de 2008. É a única exposición de instrumentos musicais catalagoda e baseada en criterios científicos que existe en Galicia e a única de Europa que conta cun apartado de réplica de instrumentos medievais, o que fan que sexa unha mostra de incalculable valor.
Artéllase en tres salas de xeito que os instrumentos están agrupados segundo os elementos acústicos e as súas características morfolóxicas: aireófonos, cordófonos, idiófonos e membranófonos. Deste xeito, na primeira sala, pódese atopar unha colección de trompas de boca e réplicas de instrumentos do s. XIII, ademais dunha copia das ménsulas do Pazo de Xelmírez de Santiago. Na segunda, pódese apreciar os segredos do funcionamento dun órgano da catedral e unha colección de gaitas. Finalmente, na terceira, consérvase un exemplar de Clave Español do século XVIII, así como varias réplicas dos instrumentos do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago.