Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG valora positivamente o seguimento da Folga Xeral na Mariña

Nota de prensa:
O BNG valora positivamente o seguimento da Folga Xeral na Mariña así como nas manifestacións convocadas na comarca

Os paros afectaron aos principais centros de traballo que tamén tiveron incidencia en servizos públicos salientando os centros de ensino onde o estudantado secundou masivamente os paros

Os nacionalistas secundaron a manifestación da CIG que contou coa presenza de tódolos alcaldes nacionalistas da comarca

A Mariña, 30 de setembro de 2010. O BNG valorou positivamente o resultado da folga xeral do día de onte na comarca da Mariña onde cabe salientar a súa incidencia nos principais centros de traballo e nos servizos públicos, especialmente no ensino onde o paro foi secundado masivamente polo estudantado. Tamén consideraron altamente postiva a participación nas mobilizacións sociais convocadas na comarca, nomeadamente a convocada pola CIG en Foz que contaron coa presenza de tódolos alcaldes nacionalistas da comarca. Para os nacionalistas a xornada de onte debe dar inicio a cambios sociais que reclamen cambios no modelo económico que eviten facer pagar a factura dunha crise que non provocaron ás clases traballadoras e menos favorecidas, evitando a precarización laboral e o desmantelamento dun sistema de benestar no que tanto o PSOE como o PP coinciden e se complementan nas súas responsabilidades de goberno no Estado e na Xunta de Galiza.

Resultados positivos de seguimento nos principais centros de emprego da comarca e nos servizos públicos a pesar dos excesivos servizos mínimos fixados no Hospital das Costa e cun seguimento masivo nos centros de ensino polo paro do estudantado.

Para os nacionalistas mariñaos só compre unha valoración positiva da xornada de folga rexistrada onte na comarca, o seguimento foi moi importante nos principais centros de traballo da comarca, Alcoa, lonxas de Celeiro e Burela, Irmandiños e no sector servizos con paros que afectaron a grandes superficies comerciais e outros centros de emprego do sector servizos onde o traballo está mais precarizado. Hai que salientar tamén os paros xeneralizados no sector do pequeno comercio de diferentes localidades da comarca, como Burela, Foz, Ribadeo ou San Cibrao, conscientes de que a perda de poder adquisitivo da maioría social ten repercusións directas nas súas ventas.

Por outra banda, os servizos públicos, con especial incidencia no Ensino tiveron unha paralise casi total na comarca, onde o estudantado, especialmente o de ensino medio secundou masivamente a xornada de folga. O BNG tamén fixo mención aos excesivos servizos mínimos fixados na sanidade, que aínda así tiveron a participación na folga dunha importante porcentaxe de profesionais sanitarios.

Alta participación nas dúas manifestacións convocadas na comarca.

Os nacionalistas destacaron tamén a alta participación nas dúas mobilizacións sociais convocadas na comarca e destacaron a presenza de tódolos alcaldes nacionalistas e membros de corporacións locais na convocada na tarde de onte pola CIG en Foz, así como do Deputado Provincial e Responsábel de Cultura e Deportes da Deputación de Lugo, Antonio Veiga Outeiro.

PSOE e PP complementan as súas políticas no Estado e en Galiza desmontando un sistema de benestar letal para as capas menos podentes da sociedade.

Para o BNG a xornada de onte debe dar inicio a un cambio social que permita mudar as políticas neoliberais practicadas tanto polo goberno do Estado como polo Goberno Galego que se complementan na posta en práctica dun modelo que ademais de facer pagar os pratos rotos dunha crise que non provocaron nas clases traballadoras e menos acomodadas coa precarización do mercado laboral e os recortes nas prestacións sociais, executa no desmantelamento dos servizos públicos practicado polo goberno de Feijoo no campo sanitario, educativo e social.

Exit mobile version