Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG informará sobre o POL nas parroquias afectadas en Foz

Nota de Prensa

O BNG DARÁ CHARLAS INFORMATIVAS SOBRE O POL EN TODAS AS PARROQUIAS AFECTADAS DE FOZ

Basanta afirma que o POL hipoteca o futuro do Concello ao quedar todas as parroquias como solo rústico

O BNG pasáralle aos veciños modelos para alegar

Foz, 10 de setembro de 2010.- O BNG inicia a próxima semana charlas informativas sobre o novo documento do Plan de Ordenación do Litoral (POL) que a Consellaría de Medio Ambiente aprobou inicialmente a finais de xullo. As charlas daranse en todas as parroquias afectadas: o luns 13 en Vilaronte no centro social da Asociación O Castro, ás 20:30; o mércores 15 en Forxán (San Martiño) no local social da Asociación de Veciños, ás 20:30 h.; o Venres 17 en Foz, na Casa da Cultura, ás 20:30 h.; e o sábado 18 en Cordido na antiga escola, ás 18:00 h e en Cangas, no Centro Cívico, ás 20:00 h.. Xa para a semana seguinte o luns 20 en Nois no Centro Cívico e o mércores 22 en Fazouro na antiga escola, os dous ás 20:30.

O Portavoz Municipal do BNG, González Basanta, afirmou que “o feito de volver a explicar o POL aos veciños é debido a que o Grupo de Goberno non fai os deberes neste tema e da a sensación de que non vai con eles, e ten que ser o BNG quen informe e clarifique un documento tan importante e que tanto prexudica a Foz como este Plan de Ordenación do Litoral.” Neste sentido, o Grupo Municipal nacionalista xa solicitou unha convocatoria urxente da Comisión de Urbanismo do Pleno dado que o prazo de alegacións remata o día 30 deste mes e aínda non sabemos que vai a facer o Concello. Nas reunións ademais de informar facilitaraselles a todos os asistentes modelos de reclamación por se queren alegar.

Para o BNG de Foz, como xa pasou coas Directrices de Ordenación do Territorio, o POL discrimina claramente ao noso Concello e deixa ao descuberto as mentiras da Xunta en relación cos núcleos de identidade litoral e polo tanto a imposibilidade de usos residenciais en Cordido, Vilaronte, Forxán (San Martiño), Fazouro, Nois e Cangas. Neste sentido, Basanta recordou que o “o PP comprometeuse cos portavoces dos grupos da corporación focega, cos redactores do PXOM e cos servizos técnicos do Concello a incluír Vilaronte, Forxán, Fazouro, Nois e Cangas como núcleos de identidade litoral a fin de que se puidese edificar tanto nas Directrices como no POL. Agora está claro que faltou a súa palabra, e isto só ten a solución de que se recoñezan ditos núcleos de poboación nas Directrices para despois trasladalo ao POL. Senón é así, o futuro de Foz en canto a desenvolvemento urbanístico queda hipotecado posto que só o núcleo urbano quedaría apto para usos residenciais: o resto queda en solo rústico e polo tanto sen posibilidade de desenvolverse”. O pobo de Foz aínda está esperando unha explicación do Sr. Borobio, o Director Xeral de Medio Ambiente, sobre cales son as causas de non recoñecer ningún núcleo rural polos que ata o día de hoxe se rexeron as normas urbanísticas do Concello para conceder licenzas.

O Portavoz Nacionalista non dubidou en afirmar que Foz é o Concello de toda Galiza onde máis incidencia ten o Pol precisamente polo feito de utilizar un planeamento para definir o modelo de xestión do POL que non se sabe de onde sae. Tanto é así que o POL deixa fóra de ordenación máis de 3.000 vivendas no Concello de Foz, que se corresponden coa residencia habitual de preto de 5.000 persoas. Isto é a totalidade das vivendas situadas nos núcleos de Cordido, Cangas, Nois, Fazouro, Forxán, Marzán, Mañente ou Vilaronte quedan fóra de ordenación e non só iso senón que os predios situados no solo de núcleo rural que na lexislación galega se asimila ao urbano consolidado non teñen autorizados usos residenciais.” Non hai un só veciño que resida ou teña propiedade neses núcleos que non se vexa afectado polo mesmo” afirmou Basanta.

Exit mobile version