Nota de Prensa
Veiga achégalle o apoio do BNG a Folga a Xunta de Persoal do Hospital e indica que o paro do 29 é unha xornada en defensa dos servizos públicos.
O BNG denuncia que o PP está a aplicar unha morte lenta a sanidade na Mariña.
Os representantes da Xunta de Persoal do Hospital e os do BNG observan con particular preocupación a política sanitaria da Xunta de Galiza, na medida que se sustenta nunha redución dos fondos destinados a sanidade pública e que propón un novo modelo de organización do sistema sanitario que pretende centralizar servizos nas grandes cidades. Esta orientación está a provocar xa unha importante merma na calidade asistencial e está a poñer en risco o sistema sanitario público no conxunto da comarca, en vías de desmantelamento e ao borde dun autentico colapso. Neste sentido analizaron a próxima implantación dun novo modelo organizativo que implica a centralización dos servizos hospitalarios na cidade de Lugo e xa que logo a perda de servizos e especialidades no Hospital da Costa así como desprazamentos constantes da poboación da Mariña ao Hospital de Lugo para realizar probas e consultas que ate agora realizaban no Hospital de Burela. Na mesma liña Veiga denunciou que “a redución do gasto sanitario nas contas públicas provocou que o “Plano Estratéxico do Hospital da Costa” xa aprobado, se quedase sen dotación orzamentaria neste ano, o que imposibilita a ampliación do Hospital da Costa, impide a ampliación do seu catalogo de servizos e prestacións e reduce os seus medios materiais e humanos”.
O BNG mostrouse tamén moi crítico coa paralización por parte da Consellaría de Sanidade do denominado “Plano Mellora” co que se pretendía aumentar os recursos dos médicos de familia así como delegar neles determinadas funcións que desenvolvían os especialistas.” Agás no caso da receita electrónica que se está a introducir con grande lentitude, no caso da Mariña os aspectos que se recollían neste plano seguen sen facerse realidade” afirmou Veiga que continuou denunciando que “tanto é así que a paralización de determinadas obras de infraestrutura deixou sen servizo de fisioterapia a algún centro de saúde , ou as probas de citoloxía seguen sen realizarse na primaria, ou o servizo de retinografía carece de medios para poder aplicarse”. Agora ben o caso máis sangrante, na opinión dos nacionalistas, dáse no incumprimento en materia de persoal sanitario ata o punto non se cumpre na maioría dos Concellos da Área Sanitaria que cada ATS se corresponda cun médico ou que en varios Concellos algúns médicos vense obrigados a atender a máis de das 1250 cartillas.
O Responsábel Comarcal do BNG aproveitou a reunión para achegar a Xunta de Persoal do Hospital o apoio dos nacionalistas a Folga Xeral do 29 de Novembro.”Hai que parar as políticas de dereita que están aplicar o PP e o PSOE. O 29 de setembro debe ser unha grande xornada de protesta en defensa dos servizos públicos, na que a maiores de demandar emprego e dereitos para os traballadores, temos que dicirlle ao Goberno da Xunta que non imos tolerar máis recortes en materia social” recalcou Veiga quen “incidiu que a Folga vai con toda a poboación, asalariados e desempregados, mozos e vellos, porque o que está en xogo é que a comarca da Mariña e Galiza siga a manter os piares do estado de benestar”.