Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Xove amósase satisfeito porque o PP rectifique e admita erros na xestión do ascensor

Nota de prensa
O BNG de Xove amósase satisfeito porque o PP rectifique e admita erros na xestión do ascensor

O goberno do Concello de Xove, cun orzamento de 6.601.341 € e tres concelleiros con dedicación exclusiva (2) ou parcial (1), tardou máis dun ano en destinar o 0,6% do seu presuposto anual para a instalación dun ascensor que permita o acceso sen atrancos aos edificios públicos. Esta situación anómala foi provocada polo propio equipo de goberno despois de que o executivo do PP acordara, no ano 2009, derrubar a rampla do Salón de Actos do Centro Cívico sen habilitar antes unha nova serventía que permitira a entrada das persoas con mobilidade reducida ás instalacións públicas.

Marco López, responsable local do BNG xovense, mostrouse sempre colaborador coa finalidade de que se rectificara o grande erro padecido e a cidadanía sufrise o menos posible a equivocación do PP. Naquela altura, López declarou que a intención do Bloque era poñer o seu grao de area para que as cousas se fixeran “con sentidiño”. Nesta liña, tamén falou de exemplos concretos como o de que houbo pícaros no Nadal que non viron os Reis Magos “ao non poderen seus pais subir o carriño” para acceder ao Salón de Actos.

O responsable local do Bloque en Xove manifestou estar “moi orgulloso” da resposta e boa acollida deste problema por toda a veciñanza. Segundo a súa opinión, “foi a propia cidadanía xovense a que lle trasladou ao goberno local o seu descontento e que o BNG tiña toda a razón na súa demanda”, asegurou.

Marco López admitiu que quizais foi demasiado o tempo que pasou para solucionar unha dificultade provocada polo propio goberno municipal. Porén, admitiu como un bo xesto que o PP finalmente recoñecera que a xestión e o interese do BNG estiveran á altura das circunstancias, chegando incluso os populares a adxudicarlle aos nacionalistas a potestade de realizar accións de goberno como a de decidir onde situar o ascensor.

Tendo en conta que nun primeiro momento, hai un ano, o alcalde declarara que as reivindicacións do BNG “carecían de sentido”, Marco López amosouse satisfeito de que Demetrio Salgueiro entrara en razón e decidira cumprir a lei corrixindo a situación de indefensión e facilitando a accesibilidade aos edificios públicos.

Marco López incidiu en que “o BNG e mais eu quedamos a disposición do alcalde e o seu equipo” para poderen arranxar erros pasados e futuros, así como para axilizar os trámites de xestión. Do mesmo xeito, López lembrou que hai dous anos, “a proposta do grupo municipal do Bloque”, modificouse o acceso á piscina e instalouse un guindastre nela para poderse bañar a xente con mobilidade reducida.

Así e todo, sendo consciente de que equivocarse é de humanos, o responsable local do Bloque Nacionalista Galego reiterou estar disposto a colaborar co goberno municipal “en todo o que estea nas miñas mans” e atendelos sempre “con toda educación e amabilidade”.

Finalmente o BNG de Xove ofrecéuselle á cidadanía para ser máis expeditivo na xestión dos recursos públicos e fornecer a poboación de infraestruturas básicas nun tempo razoable, xa que “os problemas de accesibilidade e seguridade non poden agardar tanto tempo por unha solución”.

Exit mobile version