Nota de Prensa
O GRUPO MUNICIPAL DO BNG DE MONDOÑEDO ANIMA A DAR UN APOIO MASIVO Á FOLGA XERAL DO 29 DE SETEMBRO
Os nacionalistas mindonienses co alcalde á cabeza reclaman u8n cambio de rumbo nas políticas antisociais dos gobernos estatal e galego
Non pode ser que os paganos da crise económica sexan aquelas capas sociais que non teñen ningunha responsabilidade nela
Mondoñedo, 24 de setembro de 2010. O Grupo Municipal do BNG de Mondoñedo co alcalde á cabeza reclaman o apoio masivo da sociedade á Folga Xeral do vindeiro 29 de setembro e chaman a participar da mobilización comarcal que terá lugar o día 29 ás seis da tarde en Foz. Para os nacionalistas existen sobradas razóns para secundar esta convocatoria xa que Galiza está dobremente afectada, por unha banda polas medidas antisociais do goberno estatal e por outro ao contar cun goberno galego incapaz de afrontar a crise a pesar das sáus promesas electoriais que multiplica os efectos da crise sobre clase traballadora ao tomar medidas que baixo a escusa dunha falsa austeridade van desmantelando servizos públicos, sociais, sanitarios e educativos para a súa posterior privatización.
Para o grupo de goberno no concello de Mondoñedo, “en Galiza hai razóns aínda maiores para a mobilización”. O noso país é o principal pagano da crise porque suportamos os salarios e as pensións máis baixos do Estado. En consecuencia, as políticas antisociais do Goberno do PSOE -redución de salarios, privatizacións, aumento da idade de xubilación…- prexudican especialmente as galegas e os galegos. A caída no investimento público en infraestruturas tamén castiga de forma singular o noso País, que arrastra un déficit histórico nesta materia. Tanto en época de bonanza como de crise nunca é o tempo de Galiza para o Estado español.
Galiza suporta ademais un goberno, o goberno do PP presidido por Feijóo, que ten demostrado a súa completa inutilidade para facer fronte á crise. E iso porque o PP comparte co PSOE a mesma estratexia -de carácter claramente neoliberal. “Nen PP nen PSOE parecen decatarse de que non é posíbel nengunha saída socialmente xusta á crise que non pase por rachar coas políticas liberais -desrregularización do sector financeiro, privatizacións no sector público, desfiscalización dos ricos…- aplicadas nos últimos anos quer no Estado, quer na Unión Europea.”
Non é certo, explicaron dende o BNG mindoniense, o argumento empregado tanto polo PP como polo PSOE de que a folga é o que menos necesita este país. Ao contrario: o que necesita este país é un movemento social amplo e contundente que force un cambio de rumo nas políticas practicadas tanto polo Goberno do PSOE no Estado como polo Goberno do PP na Xunta. O mellor contributo para a saída á crise é precisamente ese cambio de rumbo. Por iso, canto máis masiva sexa a folga, máis útil será para a clase traballadora. Neste sentido quixeron aclarar que “a superación da crise non se vai producir por un simple cambio de cromos entre PSOE e PP que practican o mesmo modelo económico, senón nunha maior conciencia social que alente cambios cara a unha sociedade mais igualitaria”
Por último o Grupo Municipal do BNG de Mondoñedo, chamou a participar da mobilización que terá lugar o día 29 ás seis da tarde en Foz convocada pola central Sindical nacionalista CIG, con saída dende a Delegación de Facenda desta localidade. Os nacionalistas teñen claro que “a mobilización social e útil e necesaria e xa noutras ocasións obrigou aos gobernos a dar marcha atrás, polo que canto mais masiva sexa, mais efectos positivos terá para a clase traballadora”