NOTA DE PRENSA
O BNG DE FOZ SOLICITA O ARRANXO DA PISTA DE TRASMONTE EN NOIS
As vivendas e bens particulares corren perigo polas riadas que se ocasionan
Foz, a 7 de setembro de 2010.- O BNG de Foz quere denunciar o mal estado da pista de Trasmonte que vai aos montes da Lagoa en Nois e solicita do Grupo de Goberno que que lle dea unha solución urxente antes de que veñan as primeiras chuvias fortes polos efectos graves que poidan ocasionar.
A consecuencia da falta de limpeza das cunetas cando chove a auga desborda e vai pola pista desfacéndoa aínda máis e poñendo en perigo as vivendas que se sitúan máis abaixo e todo aquelo que atopa ao seu paso. Ademais o problema ven agravado pola pronunciada pendente desta pista e da estrada que da a ela, a cantidade de curvas que ten e que a auga non ten outra vía de escape. A solución pasaría en primeiro lugar por facer unha limpeza das gabias e abrir os tubos que están taponados para canalizar a auga. A parte disto, sería necesario o reforzo do firme con “zahorra” suficientemente compacta, ao mesmo tempo que esixir a colaboración na conservación destas pistas veciñais das empresas madeireiras que traballan nos montes da zona por ser responsables en parte do seu deterioro.
O BNG xa ten denunciado en numerosas ocasións o estado das pistas do Concello e demandado do grupo de goberno a súa limpeza antes de que chova pois despois é demasiado tarde e só queda lamentarse. Sabemos que os veciños xa teñen alertado ao alcalde do perigo desta situación e da súa preocupación pero ao parecer non hai vontade de buscar unha solución definitiva a un problema que se arrastra desde hai anos, tanto nesta como noutras pistas forestais do concello.
Por este motivo, desde o BNG esiximos do Grupo de Goberno unha rápida actuación para non ter que lamentarnos despois e trasladaremos esta petición ao pleno da corporación deste mes demandando o seu arranxo.