Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz pide a participación na folga do 29 e na manifestación

Nota de prensa:
O BNG DE FOZ ANIMA Á FOLGA DO 29 E Á MANIFESTACIÓN QUE SE CELEBRARÁ EN FOZ ÁS SEIS DA TARDE

Os nacionalistas explicaron no Mercado os motivos da folga e as alternativas para saír da crise que non pasa por recortar os dereitos dos traballadores

Foz, 28 de setembro de 2010.- O BNG de Foz acudíu onte ao mercado dos martes para dar información dos motivos para apoiar a folga convocada para este mércores 29 así como para explicar as alternativas do nacionalismo para saír da crise económica.

O portavoz municipal, Xan Carlos González Basanta, acompañado de membros do Consello Local do BNG, repartiron folletos informativos onde se explica como a nova reforma laboral do Goberno Español contén medidas que supoñen un ataque aos dereitos dos traballadores e traballadoras e non vai servir para crear emprego nin para rematar coa precariedade laboral. Todo o contrario: abarata o despido e abre as vías de futuros recortes en materia salarial e de pensións. Para o portavoz nacionalista: “a reforma que precisamos non é laboral senón do sistema financieiro” dado que a banca non inviste na economía real que cría postos de traballo senón na especulación bursátil e no negocio da débeda pública.

Fronte a isto o BNG propón un novo modelo económico e social mediante unha política fiscal de carácter progresivo, combater o fraude fiscal e os paraísos fiscais, incrementar o gasto público en actividades económicas productivas e crear unha banca pública ao servizo dos galegos e galegas, entre outras. É dicir, todo o contrario do que está a facer Zapatero no Estado e Feijóo na Xunta, daí que a sangría do paro non descenda.

Por este cambio de modelo productivo é polo que todos e todas debemos secundar a folga do día 29 e desde o BNG animamos a toda a clase traballadora a acudir á manifestación que se celebrará en Foz e que partirá da Delegación de Facenda. Ao mesmo tempo, animamos a todos os comercios e empresas de Foz a pechar este día e solidarizarse en defensa dunha economía productiva fronte á especulacitiva. Basanta rematou dicindo que “canto maior e participativa sexa a folga, máis útil será para as traballadoras e traballadores”.

Exit mobile version