Nota de Prensa
Sería unha irresponsabilidade que a Xunta aceptase un ERE inxustificado que condena ao paro a moitas familias de Cervo
Os nacionalistas pediron no pleno ao PP e esixa á Xunta medidas para evitar os despedimentos e apoio á viabilidade da empresa
Balseiro pasou de querer converterse en garante do mantemento dos postos de traballo a pedir axudas do Estado para pagar os despedimentos
Cervo, 18 de setembro de 2010. O BNG defendeu no pleno extraordinario e monográfico sobre o ERE que afecta á cerámica de Sargadelos medidas por parte da Xunta de Galiza para garantir a viabilidade da empresa e a non aceptación por parte da Consellaría de Traballo dun ERE que inclúe o despedimento de 26 persoas, algunhas delas da mesma unidade familiar, que nin se xustifica tendo en conta a evolución económica do último semestre nin atende a criterios económicos e empresarias na escolla das persoas afectadas. Os nacionalistas ademais esixiron ao goberno local e nomeadamente ao Tte. Alcalde e Parlamentar, José Manuel Balseiro que defenda os intereses do cadro de persoal da cerámica xa que pasou de querer converterse en garante do mantemento dos postos de traballo a pedir axudas do Estado para pagar os despedimentos.
Da situación da cerámica non e culpábel o seu cadro de persoal senón unha mala xestión empresarial incapaz de manter un proxecto ilusionante creado fai agora 40 anos.
Os nacionalistas fixeron fincapé en que non son os traballadores e traballadoras de Sargadelos os culpábeis da situación actual da empresa que xa fixeron esforzos nos dous EREs anteriores con reducións de xornada que permitiron aforrar custes laborais que sumados á mellora da xestión dos stocks e a apertura de novos mercados incrementaron no 25% as ventas no primeiro semestre de 2010 en relación ao exercizo anterior, segundo datos da propia empresa. Para o portavoz municipal nacionalista, Xoán Antón Estúa, “o cadro de persoal xa fixo esforzos dabondo e agora só queda aclarar cales son as intencións reais da dirección para o futuro da empresa”, Estúa foi mais alá ao preguntarse “si a proposta empresarial de extinción de contratos e unha medida puntual ou o que se pretende cambiar son as condicións laborais, cambiar o modelo de produción e si acaso deslocalizar”. O nacionalista ademais manifestou a súa desconfianza sobre a realidade económica do Grupo de Empresas de Sargadelos, “as equipas económicas do todos os sindicatos integrados no comité de empresa teñen claro que a cousa non está tan mal como se pinta, e puxeron sobre a mesa solucións menos traumáticas que a empresa non quixo aceptar” . Incidindo na mesma desconfianza “advertiron que na escolla das persoas afectadas polo ERE non se atendera a criterios económicos e empresariais e nin sequera ao informe de viabilidade encargado pola propia empresa” polo que advertiron dunha posíbel “caza de bruxas dentro do cadro de persoal”.
A Xunta de Galiza ten ferramentas sobradas para evitar a perda de emprego e a viabilidade dunha empresa que e moito mais que unha fábrica de cerámica.
A Xunta conta con ferramentas sobradas para actuar en defensa da viabilidade dunha empresa que ademais de fábrica de cerámica e un proxecto cultural que valoriza exemplarmente os sinais de identidade galega. Neste sentido instaron ao Partido Popular a mover os resortes ao seu alcance para que o goberno galego de acordo coa dirección e a representación dos traballadores poñan en marcha medidas que eviten unha situación tan delicada e permitan o mantemento de todo o cadro de persoal. Estúa insistiu en que “si a Consellaría de Industria e a de Economía colaboran Sargadelos está salvado, do mesmo xeito que si a de Traballo mira con lupa a documentación aportada este ERE non pode ser aceptado”
Balseiro que deixe de dar tumbos xa que pasou de defender o mantemento dos postos de traballo a esixir do Estado axudas ao despedimento.
Na mesma dirección esixiron ao goberno local maior apoio ao persoal de Sargadelos, “fai uns meses o Tte. Alcalde e Parlamentar, José Manuel Balseiro, anunciaba xestións na Xunta para evitar a perda de emprego en Sargadelos e agora pide axudas do Estado para apoiar os despedimentos”, “si o Sr. Balseiro ten o poder do que presume dentro do PP que o exerza e apoie sen fisuras aos seus veciños, de non ser así será un charlatán de feira que ademais traizoa á súa propia veciñanza”. Os nacionalistas lembraron que o Parlamento Galego debaterá nos próximos día unha iniciativa que impulsa o apoio da administración á viabilidade da empresa e o mantemento dos postos de traballo en Sargadelos polo agardaron o apoio do parlamentar cervense a esta iniciativa.
Dende o BNG animan ao cadro de persoal a manterse unido e sen fisuras na reivindicación dos seus dereitos.
Por outra banda, dende o BNG, instaron ao cadro de persoal a exercer a unidade de acción e a solidariedade colectiva, “hoxe a lista de despedimentos está formada por unhas persoas pero mañá poden ser outras e dada a actitude empresarial os problemas laborais poden non rematar aquí”. Neste sentido Estúa preguntouse “si a intención de fondo da dirección da empresa non será acabar coas condicións laborais de Sargadelos e aproveitando a lesiva reforma laboral aprobada polo goberno do Estado desfacerse do actual cadro de persoal para abaratar os custes laborais”