Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Barreiros denuncia o estado de abandono da paraxe de Santo Estevo do Ermo

NOTA DE PRENSA:
O BNG DENUNCIA O ESTADO DE ABANDONO NO QUE SE ATOPA O PARAXE DE SANTO ESTEVO DO ERMO E PIDE QUE SE LIMPE TODA A ZONA E QUE SE DIFUNDA A RIQUEZA QUE ALÍ SE ALBERGA.

Barreiros, 2 de setembro de 2010. O BNG denuncia o estado de abandono no que se atopa o paraxe de Santo Estevo do Ermo e pide que se limpe toda esa zona e que se difunda toda a riqueza que alí se alberga. Os nacionalistas levarán este asunto ao vindeiro pleno do Concello.
Para o Bloque Nacionalista Galego “non é de recibo o abandono a que está sometido o paraxe de Santo Estevo do Ermo, trátase dun lugar de moítisima importancia cultural pola súa riqueza etnográfica, histórica e paisaxística e é un lugar emblemático e referencial para todos os barreirenses. É unha zona que encerra moitas tradicións e lendas como as ferraduras do cabalo de Santigo, a fonte das rosas, a fonte do ferro… e vemos que está nun total abandono sobre todo despois das riadas de xuño con moitísimas árbores caídas. Foron eso sí cortadas para facilitar o paso polos sendeiros, pero non foron retiradas e afean a paisaxe. Tamén hai varias infraestructuras afectadas coma unha ponte de madeira que tampouco foi reposta, ainda que xa estaba en mal estado antes das riadas”.
O grupo municipal do BNG entende que “non hai o esmerado coidado que debera terse con esta zona que figura nas guías do Concello e que é un referente nas rutas de sendeirismo de Barreiros. Estas queixas fixéronnolas chegar moitos visitantes durante os meses de xullo e agosto que vían un pouco sorprendidos como polo medio desa paraxe aínda había restos dunha festa que se celebra a primeiros de xullo. A responsabilidade é do Concello independentemente de que algúns romeiros non recollan os tenderetes onde foron merendar”.
Os nacionalistas engaden que “a posta en valor deste fermoso paraxe de Santo Estevo do Ermo sempre foi para o BNG unha vella demanda e algo sobre o que sempre traballamos sobre todo a principios desta década cando presentamos varias iniciativas no Concello e na Xunta para recuperar esa zona e incluso fixemos roteiros para difundir e dar a coñecer todo este patrimonio que temos no corazón de Barreiros. Hai que recoñecer que o alcalde nos anos 2001 e 2002, Manuel Díaz Sampedro, tivo a suficiente sensibilidade para restaurar e recuperar a zona, se fixo un obradoiro de emprego e comenzou a restaurar a zona do revertedoiro e a capela e o seguinte paso sería restaurar todo o río ata o Pozomouro. Mágoa que agora o grupo de goberno actual do PP pase olímpicamente desta zona”.
O BNG levará unha iniciativa ao vindeiro pleno do Concello “para que repoña as infraestructuras danadas polas riadas e para que se sinalicen con paneis con información clara e ben documentada cada un destes lugares de interés como a fonte das rosas, a fonte do ferro, as ferraduras do cabalo de Santiago, así como que se sinalicen todos os restos de muiños que hai na zona porque sí teñen a súa importancia para saber a función que tiveron. E pedir tamén a limpeza do río do Santo Estevo e que se manteña este fermoso paraxe nas debidas condicións para que o disfruten os que o visiten, pero tamén para difundilo. O Concello debe difundir toda esa riqueza e esa parte da nosa historia que se alberga no corazón de Barreiros no Santo Estevo do Ermo”.

Exit mobile version