Nota de Prensa
O BNG MANTÉN A SÚA POSTURA CONTRA A PRIVATIZACIÓN DOS PARQUES DE BOMBEIROS COMARCAIS
No pleno do consorcio que se celebrará mañá luns está previsto aprobar a modificación dos estatutos e os pregos para a xestión dos 6 parques integrados, ata agora, na rede comarcal
O BNG manterá a súa postura contraria a privatizar directamente estes servizos defendendo unha xestión que garanta o caracter público do servizo tal e como se manifestara na anterior xuntanza do consorcio
Lugo, 26 de setembro de 2010. Trala convocatoria de celebración do Pleno do Consorcio Provincial de Bombeiros, o grupo provincial do BNG a través do seu representante neste Consorcio anunciou, que o BNG manterá a postura manifestada na anterior xuntanza do Pleno, celebrada no mes de xuño, contraria a unha privatización directa deste servizo. Antón Bao, vicepresidente da Deputación e representante do BNG neste organismo sinalou que “como dende o comenzo deste proceso mantemos a mesma postura, contraria á privatización, e defendemos un sistema de xestión público que integre ás diferentes institucións implicadas, Xunta de Galiza, Deputación de Lugo e Concellos, nun sistema de empresa pública ”.
Bao dixo tamén que “o BNG non vai a ser participe da privatización, mercantilización e desmantelamento de todo tipo de servizos públicos que está a levar a cabo da Xunta de Galiza do PP”. Antón Bao expresou que desde o BNG “consideramos importante a apertura, o máis axiña posíbel dos parques, comarcais de bombeiros, pero esto non entra en contradición coa posta en marcha do modelo que sempre defendemos”.
Para a xuntanza do Pleno do Consorcio Provincial de Bombeiros, que se celebrará mañá luns ás 10:15 na Deputación de Lugo, está previsto que se aprobe a liquidación do Orzamento de 2009, a modificación dos Estatutos, os pregos para a xestión dos 4 parques de nova construción (Viveiro, Vilalba, Chantada e Sarria) máis os de Barreiros e Monforte, así como a adquisición de novo material para o equipamento dos mesmos.
Segundo o BNG a modificación dos estatutos e a aprobación dos pregos para a xestión dos parques materializarán un cambio de filosofía neste proxecto de parques de bombeiros para Lugo, un cambio que responde unicamente aos intereses da nova Xunta de Galiza, que impuxo a modificación dos anteriores estatutos do Consorcio. Os estatutos que agora se modificarán xa foran asinados polo bipartito da Xunta e camiñaban nunha dirección totalmente contraria, é dicir, na defensa dun servizo público contra incendios e salvamento, un modelo que velaba pola salvagarda da cidadanía e non polos intereses do beneficio empresarial.