COMUNICADO DE PRENSA DO BNG DE RIBADEO
ANTE A FOLGA XERAL DO 29 DE SETEMBRO
Ante a convocatoria de folga xeral para o vindeiro 29 de setembro o BNG de Ribadeo quere manifestar o seguinte:
A crise non a provocamos a clase traballadora nin as pequenas e medianas empresas; en todo caso, estamos a padecela uns e outros moito máis que unha gran banca para a que todo son mimos e chuchos (sobre todo o ano pasado cos millóns e millóns que lles deron para sanear as súas constas). A crise provocouna unha economía baseada no ladrillo especulativo e unha política financeira que esquece a base produtiva e só pensa na especulación en Bolsa na vez de nas industrias que crean emprego.
Porén, agora os economistas centran a súa mirada nas traballadoras e traballadores, nas PEMES e nas pensións. A conxelación salarial, ou mesmo a redución de salarios (e senón traballar máis horas polo mesmo diñeiro), está aí xa. A reforma laboral aprobada polo goberno supón un claro retroceso nas relacións laborais. A revisión das pensións tamén nos agarda.
A inversión pública, a prestación de servizos de benestar (atención a anciáns, gardarías), sanitarios, da educación, etc. ten un futuro moi negro. Pouco lles importa que esas políticas poidan reactivar a economía; os bruxos da economía internacional tocaron a rebato, e aquí hai quen lles quere obedecer esquecendo o programa electoral co que foron elixidos. É un escarnio que mentres se foi tan condescendente coa gran banca, agora non haxa liña de crédito para as PEMES; primeiro dámoslles o diñeiro (suponse que para que poidan prestalo aos seus usuarios) e despois pápano todiño para tapar os seus furados.
Pero non podemos reducir esta folga a unha confrontación co goberno central. Debemos convertela nunha defensa dos servizos públicos, das políticas sociais. Aqueles que, desde un ou outro ámbito (goberno central, Xunta, etc.) poidan ir contra delas deben saber que non estamos dispostos a perder o conseguido ata o de agora.
Non podemos consentir que se recorten servizos básicos (véxase o que queren facer co hospital da Costa) e ao mesmo tempo se retirara o imposto de transmisión do patrimonio. O que se deixou de recadar ao abolilo permitiría aplicar a Lei de Dependencia. Tampouco ten moito sentido insistir en que non hai diñeiro para autoestradas e se sigan mantendo as tropas en Afganistán. Preparar uns orzamentos cun recorte de ata o 12% e ao mesmo tempo gastar grandes sumas de diñeiro en promocionar polémicos decretos é hipócrita.
Por todo iso temos que nos mobilizar o vindeiro 29 de setembro, pola defensa dos logros sociais e laborais conseguidos ata o de agora. Nós non mudamos o noso discurso. Seguimos a ser coherentes.