Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo solicita á Deputación e a Patrimonio que arranxen a ponte de Arante

Nota de prensa
FERNANDO SUÁREZ ENVÍA CARTAS Á DEPUTACIÓN E Á DIRECCIÓN XERAL DE PATRIMONIO PARA QUE PROCEDAN A ARRANXAR O ANTES POSIBLE A PONTE DE ARANTE QUE RESULTOU FORTEMENTE DANADA POLAS CHUVIAS DE XUÑO. O REXEDOR ADVIRTE QUE UNHA NOVA CRECIDA DO RÍO PODE LEVALA POR DIANTE.
Ribadeo, 16 de setembro de 2010. O alcalde, Fernando Suárez, envía cartas ao presidente da Deputación de Lugo e ao director xeral de Patrimonio para que procedan a arranxar o antes posible a ponte de Arante que resultou fortemente danada polas chuvias do pasado mes de xuño. O rexedor advirte que unha nova crecida do río pode levala por diante de todo.
Suárez Barcia amosou a súa precupación “pola situación actual desta infraestructura tan importante para as parroquias do interior como é a ponte de Arante. Esta ponte que quedou seriamente danada polas chuvias de hai máis de tres meses, que é responsabilidade da Deputación Provincial de Lugo o seu arranxo, pero que tamén é responsabilidade para dicir os criterios a seguir por parte da Dirección Xeral de Patrimonio. Temos dúas administracións que, en principio por motivos técnicos e espero que sexa por ditos motivos e non por cuestións de índole política, están nunha especie de rifirrafe para ver cómo se fai ou cómo non se fai”. O alcalde ribadense lembra que “xa pasaron máis de tres meses e a ponte segue sen amañar, encaramos o inverno novamente e é unha tortura e un tormento para os veciños afectados da Ponte, da parroquia de Arante, das parroquias do interior, dunha parte do Concello de Trabada que tamén pasan por alí, dos camións do leite, dos tractores, da maquinaria agrícola que non pode transitar por alí e dos peregrinos que seguen vindo a ducias cada día”.
O rexedor explicou que “cando contacto con Patrimonio bótanlle a culpa á Deputación e cando contacto coa Deputación bótanlle a culpa a Patrimonio por motivos que son entendibles das dúas partes, pero que a xente non entende e cando me paran pola rúa o que me preguntan é cándo se vai amañar a famosa ponte de Arante”. Fernando Suárez asegurou que ven de enviar “unha carta ao presidente da Deputación e ao director xeral de Patrimonio para que por favor, neste espíritu de diálogo que debe haber entre as administracións cando somos diferentes aínda que traballando por un fin de común, para que nos poñamos de acordo co fin de que se chegue a un criterio único para a rehabilitación da ponte ou para facela de novo e que se faga canto antes. Si teñen algún motivo de preocupación porque un non quere ir á casa de outro, eu bríndome para que o Concello de Ribadeo como casa de todos sexa o lugar no que poidan aclarar técnicamente as diverxencias que teñen. Hai quen quere demoler de todo a ponte e hai quen quere que se conserve a estructura do que hai. Eu entendo que iso é Camiño Norte, entendo que hai criterios de Patrimonio que están a menos de 150 metros dunha capela inventariada e que polo tanto debe ter uns criterios diferentes e menos permisivos que noutras zonas, pero a min preocúpame o que lles preocupa a todos os veciños, o tempo está pasando, a ponte non se amañou, van voltar as chuvias de novo e quizáis na situación na que está unha nova crecida do río acabe por levar a ponte toda”.
O alcalde pide “un pouco de sentidiño, non me cabe a menor dúbida de que o hai tanto na Deputación como na Dirección Xeral de Patrimonio, pero pido sentidiño aplicado á práctica para buscar un criterio e facer a obra dunha vez. Si teñen algún tipo de problema de diálogo ofrézome para conciliar as dúas partes”.

Exit mobile version