Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Cervo “verificou” o inicio das obras para restablecer o acceso á praia de Rueta

Nota de Prensa

O ALCALDE DE CERVO VERIFICOU O INICIO DOS TRABALLOS PARA O RESTABLECEMENTO DOS ACCESOS Á PRAIA DE RUETA

* O camiño de entrada ao areal permanecía seriamente danado e en situación precaria dende as choivas ocorridas a principios de xuño

* Os traballos consistirán na ampliación dos actuais accesos e na construción dunha escollera de pe duns 65 metros lineais e unha altura media de 8 metros

Cervo, 7 de setembro de 2010.- Alfonso Villares, alcalde de Cervo, acudiu a mediodía de hoxe e acompañado de técnicos municipais a comprobar o arranque dos traballos de restablecemento e mellora dos accesos ao areal de Rueta, os cales permanecían seriamente danados e en situación precaria dende as choivas ocorridas a principios do pasado mes de xuño.

Segundo indicou o rexedor, os traballos consistirán inicialmente na ampliación do ancho dunha parte dos actuais accesos, para despois realizar unha escollera de pe duns 65 metros lineais e unha altura media de 8 metros. Para Villares, a noticia do inicio destas obras “é unha boa nova” despois de que hai tres meses o temporal de choiva derrumbara a práctica totalidade dos accesos a este areal cervense. “Creemos que con esta actuación acometerase por fin unha solución definitiva ao problema que viña padecendo esta praia por mor dos sucesivos derrubos  dos seus accesos a causa das choivas e da acción do mar, e que o pasado xuño se viron agravados de xeito considerable tralo temporal que azoutou o concello” recalcou Villares.

Estas obras teñen un orzamento de 520.000 euros e segundo indicaron os responsables da empresa adxudicataria ao alcalde, o prazo de execución para levar adiante estes traballos é de tres meses.

Exit mobile version