Site icon Crónica3.com A Mariña

Organizacións ecoloxistas opóñense a que se autorice a caza todo o ano

Nota de prensa

A ESCOPETA NACIONAL: JUÁREZ E BORREGÓN AUTORIZAN A CAZA TODO O ANO

Privatización encoberta do monte, extinción de especies e maior risco de lumes

8 de setembro de 2010. A consellería de Medio Rural acaba de anunciar que vai autorizar batidas de xabarín dende abril até xaneiro. Nada menos que dez meses de caza ao ano e máis de 20.000 batidas autorizadas de antemán que non precisan acreditar danos. Nisto consiste a “caza preventiva”, un vello anceio dalgunhas federacións de caza que agora Conservación da Natureza vén de asumir, en realidade unha excusa para estar pegando tiros todo o ano.

Tal feito, inédito en calquera política ambiental seria, vai expulsar ou colocar en grave risco para a súa integridade, a todas as persoas que non sendo cazadores pretendan frecuentar o monte. Tamén pensamos que causará graves danos a outras especies de fauna salvaxe, incluidas especies protexidas, non terán o sosego necesario para se reproducir, ou cuxas crías serán devoradas polas xaurías dos cazadores. Alén disto, incrementarase o risco de incendios coa masiva afluencia de vehículos, disparos e cigarros no monte, sobre todo durante o verán, cando a lei prohibe tais actividades.

A xustificación para o alongamento da actividade cinexética pretende, segundo a administración, rematar cos danos á agricultura, cando este sistema xa se amosou inútil para tal fin: cada ano se autorízanse mais batidas e cada ano hai máis denuncias por danos, mesmo baixo a sospeita de seren feitas polos propios cazadores-recolectores, co obxecto de acadar autorizacións “extra” para realizar batidas á marxe da tempada oficial.

Con decisións coma esta, que abeira a inconstitucionalidade, a administración ambiental galega só pretende favorecer ao loby da caza e aos seus negocios paralelos (venda de armas e complementos cinexéticos, por exemplo), en detrimento do resto da cidadanía que ten dereito a frecuentar o monte e da propia conservación dos recursos.

Os danos ocasionados polos animais salvaxes, nomeadamente o xabarín, relaciónase coa desaparición das especies cinexéticas clásicas (como coellos, perdices, lebres, etc.), co exterminio dos depredadores naturais (principalmente o lobo) pero sobre todo co abandono do rural. Por iso, cómpre primeiro poñer o monte en valor, diversificando os usos (os monocultivos de eucalipto e do millo teñen moito que ver coa proliferación do xabarín) e coidándoo racionalmente, limpando o exceso de mato durante o inverno o que tamén rebaixaría o risco de lumes. Sen actuar sobre estes factores, meter máis pólvora e máis chumbo no monte non solucionará o problema e afondará no desequilibrio ecolóxico destas áreas.

Por iso, esiximos que se destinen recursos a limpar os montes durante o inverno, fomentando a repoboación con frondosas, factores limitantes do mato, e obrigando aos Tecores a realizar plantacións disuasorias lonxe das zonas agrarias, alén de incentivar o valado das explotacións, entre outras medidas.

Facer o xogo ao lobby da caza concedendo máis batidas non soluciorará o problema, ao igual que destinar inxentes cantidades de cartos á extinción non diminuíu o número de lumes. Con medidas coma esta, os responsábeis de Conservación da Natureza certifican unha vez máis a súa incompetencia para xestionar a biodiversidade galega: son o raposo a ter conta do galiñeiro!

Descarrega o comunicado íntegro, subscrito polas 7 principais organizacións ecoloxistas galegas (ADEGA, Amigos da Terra, Libera, Coto do Frade, Federación Ecoloxista Galega, Matar por matar NON e Verdegaia) na seguinte ligazón:

http://www.matarpormatarnon.org/files/M.R.batidas.doc

Exit mobile version