Nota de Prensa
INDUSTRIA INVESTIU 106.000 EUROS NA REFORMA DA RÚA DO MESÓN, EN OUROL, PARA MODERNIZAR E POTENCIAR ESTE ESPAZO COMERCIAL
* A delegada territorial, Raquel Arias, visitou o concello e abordou co alcalde a marcha de diversos proxectos da Xunta, que suman un investimento de 1,2 millóns de euros
Lugo, 13 de setembro de 2010.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, comprobou hoxe o novo aspecto da rúa do Mesón, en Ourol, despois do remate das obras nas beirarrúas realizadas ao abeiro dun programa de modernización de espazos comerciais que desenvolve a Consellería de Economía e Industria.
A Xunta destinou 106.940 euros a estes traballos, financiando así o 70% do importe total do proxecto. O 60% da contía global -isto é, 64.163,46 euros- foron achegados con cargo aos orzamentos do pasado ano, e o resto, 42.775,64 euros, impútanse ao presente exercicio.
Este proxecto pretende potenciar o atractivo da zona e estimular o seu desenvolvemento como eixe comercial da localidade. Ademais de reformar o pavimento das beirarrúas, as obras de adecuación incluíron a renovación dos desaugues e a instalación de elementos como bancos, xardineiras con plantas ornamentais e unha fonte de fundición.
Raquel Arias incidiu na importancia estratéxica do comercio de proximidade, que crea postos de traballo e actúa como factor dinamizador de pobos e vilas. A delegada territorial lembrou que a Dirección Xeral de Comercio subvenciona aos concellos galegos para que modernicen os seus equipamentos comerciais, como fixo, neste caso, o concello de Ourol.
A través do Plan Ágora Re-comercia, a Xunta concede axudas para sufragar investimentos en mercados retallistas, na mellora de espazos destinados a mercados tradicionais e ambulantes, en rúas ou zonas peonís comerciais e, en xeral, nas áreas comerciais dunha localidade ou concello.
O prazo de presentación de solicitudes para este exercicio rematou hai apenas dúas semanas, e na provincia de Lugo presentáronse 17 proxectos para a súa valoración e posible financiación, se atenden aos criterios establecidos nas bases da convocatoria. A delegada destacou que este plan “outorga un especial protagonismo ao pequeno comercio, ao tempo que pretende revitalizar o papel dos mercadillos regulados, os mercados municipais ou as prazas de abastos e, en definitiva, deseñar actuacións axustadas ás particularidades da estrutura comercial de Galicia”.
Durante a súa visita, a delegada estivo acompañada polo alcalde de Ourol, Marcial Sanjurjo, con quen abordou a marcha doutros investimentos que a Xunta executa no concello e que suman máis de 1.210.000 euros.
Outros proxectos
Entre as iniciativas dispostas atópanse distintos proxectos da Consellería de Medio Rural, da de Educación e da de Traballo e Benestar. Así, o obradoiro de emprego Ourol Natural iniciou a súa andaina o pasado 9 de agosto, con 24 alumnos e unha duración prevista de 12 meses.
A Consellería de Medio Rural realiza traballos de tratamentos preventivos nos bosques do concello e outros labores de xestión directa, ademais de subvencionar aos propietarios dos montes pola recuperación do potencial forestal.
As obras de mellora do firme, construción de cunetas revestidas e repintado de marcas viarias en puntos concretos da LU-161, e a rehabilitación do firme da travesía de Ourol (antiga C-640), son outros dos proxectos desenvolvidos pola Xunta nos últimos meses neste concello.