O historiador é unha autoridade no coñecemento e a interpretación do señor da Frouxeira, e o seu libro El mariscal Pedro Pardo de Cela, a la luz de la nueva documentación histórica faise imprescindible para os estudosos do controvertido feudal.
A aquel personaxe singular que foi Manuel Ledo Bermúdez, “ O Pallarego”, barbeiro-músico ou músico-barbeiro, xornalista e mecenas, cuxa barbería era a un tempo aula musical e ágora de cultura á que acudían en tertulia escritores, músicos e poetas, dedicoulle o doutor Mayán un fermoso libro: O “Pallarego” “un dos meirandes amigos de Cunqueiro”, como di o subtítulo do mesmo, que de cando en vez ollamos para recrearnos na lembranza de episodios que nos son familiares.
Don Francisco Mayán está en posesión de numerosas e prestixosas condecoracións e recoñecementos, e permítaseme suliñar que foi él, como non podía ser doutro xeito, a primeira persoa investida por “O Mundo de Galea” como “Cabaleiro do Mariscal Pardo de Cela”.
Non quixera rematar sen facer alusión a outra das numerosas e meritorias publicacións do doutor Mayán: trátase do libro ”Historia de Mondoñedo. Desde sus orígenes hasta 1883, en que dejó de ser capital de provincia”
Quero enfatizar este dato, porque o historiador segue a reivindicar unha quinta provincia para Galicia, pois considera irracional a actual división, como deixou exposto, entre outras, nunha brillante conferencia que lle escoitamos na biblioteca da cidade espiscopal. Unha hipotética nova provincia, coa capital en Mondoñedo, sería moi beneficiosa para toda a bisbarra. 24-4-o5”
No camposanto de Cee quedaron, para sempre, os restos do que foi paladín da cultura na nosa comarca: Francisco Mayán, mestre e amigo.