Non o digo polo que nos contou Suso Fernández. Tampouco polos centos de persoas que o acompañaban. Con todo iso xa contaba. O que me conmoveu profundamente foi o ambiente, a ternura, o cariño, o calor humano que se desprendía de todas e cada unha das pezas coas que se ía completando a xornada prodixiosa. Todo estaba calculado con precisión milimétrica, mais todo fluía espontaneamente como brisa suave. Vaia organización! Non coñezo os nomes das persoas que alí estaban atendendo a todos os detalles, mais sei que eran moitas e que estaban perfectamente sincronizadas. Sei tamén que se notaba ás leguas o tacto de Francisco Piñeiro e María Paz R. Silva. Son moitos anos preparando eventos e coordenando a dinámica de grupos numerosos. Son moitos anos, moita experiencia, e nótase.
A condución do acto foi magnífica, si, e a louvanza feita por José Ramón Ónega tamén, mais a min o que me deixou coa boca aberta foron a Banda de Música de Foz interpretando o Himno e a “Muiñeira do Xesús”; foi o recitado do poema “Amigo Suso” en boca de Arcadio Mon, con tenue melodía de fondo, e despois cantado con acompañamento de orquestra. Sensacional. Como as palabras de Nemesio.
Moito lamento non ter escoitado a Coral Polifónica e a Banda de Música interpretando a vesión que Francisco Piñeiro fixo do Nabucco de Verdi. Tiven que saír nese momento. Oxalá haxa alguén que nola describa.
E Suso? Pois non sei se digo ben, mais eu escoitaba a súa voz recitando versos de Curros Henríquez primeiro, de Ramón Cabanillas despois, e ao mesmo tempo observaba o escenario e sentía a presenza unhas veces de Otero Pedrayo e outras de Manuel María. Falando de Manuel María, Suso evocouno unha vez máis, como fai sempre, mais fíxoo de tal xeito que eu sentín na alma a súa ausencia nun acto así. Aínda ben que estaba Saleta. E en estando Saleta e Suso e Marita, Manuel tamén está.
Non continúo describindo o ambiente da tarde, igual de intenso; simplemente acabo facendo votos para que Crónica3.com dé a coñecer á audiencia os discursos que alí se pronunciaron (ou cando menos os fragmentos máis significativos). Seguro que será posíbel. Aproveito tamén esta oportunidade para pedirlle a Sito Regal, a Ramón Reimunde, a Antón Niñe… que nos fagan partícipes das súas impresións. A ocasión ben o merece.
Bernardo Penabade Rei