Site icon Crónica3.com A Mariña

A Semana Europea da Mobilidade que se celebra en Burela pretende inculcar hábitos sostibles e razoables

Nota de prensa
COMEZOU EN BURELA A SEMANA EUROPEA DA MOBILIDADE QUE ORGANIZA A DELEGACIÓN DE MEDIO AMBIENTE CO OBXECTIVO DE QUE A CIDADANÍA ADQUIRA HÁBITOS DE MOBILIDADE SOSTIBLES E RAZOABLES.
Burela, 16 de setembro de 2010. Comezaron en Burela as actividades da Semana Europea da Mobilidade que organiza a Delegación de Medio Ambiente co obxectivo de que a cidadanía adquira hábitos de mobilidade sostibles e razoables.
A edil Lucía Bouza explicou que “hoxe desde a Delegación de Medio Ambiente estamos de celebración porque comeza a Semana Europea da Mobilidade que se celebra desde hoxe e ata o vindeiro 22 de setembro. Esta mañá xa houbo actividades cos nenos, os alumnos de cuarto de primaria do CEIP Vista Alegre xa participaron en Paseando ao colexio, trátase de que reflexionen sobre a posibilidade de ir andando ao centro. Viñeron acompañados polas monitoras de Gaia e por membros da Policía Local, onde tamén lles ensinaron cuestións relativas á educación vial. Tamén tivemos ximnasia de mantemento para adultos na praza do Concello e xa a partires das cinco da tarde teremos cousas para o público infantil, van debuxar, cortar e pegar o logo da Semana Europea da Movilidade”.
A concelleira socialista engadiu que “mañá teremos unha mesa informativa da mobilidade de 10 a 13 horas que estará instalada no mercado semanal, pola tarde de novo haberá actividades para os nenos que pintarán a rúa e farán globoflexia na praza da Mariña e xa ás 18 horas teremos no salón de plenos do Concello unha charla denominada Cómo pasear co can e sobrevivir na cidade. Vai ser impartida por unha adestradora de cans e por un veterinario. Ao remate da conferencia repartiranse utensilios portadores de bolsas para recoller os excrementos dos cans na rúa”.
A responsable de Medio Ambiente dixo que “o obxectivo que nos marcamos desde a Delegación de Medio Ambiente é que a xente pense e recapacite sobre a necesidade ou non de usar o coche como medio de transporte en todos os desprazamentos que facemos. Con que a xente reflexione sobre iso xa nos damos por satisfeitos. O público infantil sí que o fai e esperemos que no futuro todos adquiran hábitos de mobilidade sostibles e razoables”.
O sábado haberá diversas actividades e un ensaio público da Burela Blues Band a partires das 16:30 horas na praza do Concello. E o domingo entre as 9 da mañá e as 21 horas da noite permanecerán cortadas ao tráfico as rúas Rosalía de Castro (entre os cruces con Eijo Garay e Lamestra), Pardo Bazán (entre Lamestra e Eijo Garay) e Curros Enríquez (entre os cruces con Castelao e Nosa Señora do Carme). Ese día haberá actividades con bicicletas, patíns, patinetes… nas rúas pechadas ao tráfico, Palillando na rúa e ás 19 horas chocolatada para todos e todas na praza do Concello.
As actividades da Semana Europea da Mobilidade que foron presentadas esta mañá por Lucía Bouza e polo alcalde de Burela, Alfredo Llano, seguirán ata o vindeiro 22 de setembro.

Exit mobile version