Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Cervo anuncia o inicio da construción da praza Dos Campos en San Cibrao

NOTA DE PRENSA
O novo espazo urbano de 6.470 metros cadrados está deseñado para o uso e disfrute dos veciños que poderán desenvolver nel distintas actividades de ocio e esparexemento, así como outras ao aire libre como o mercado semanal.

ESTA SEMANA DAN COMEZO OS TRABALLOS DE CONSTRUCIÓN DA NOVA PRAZA PÚBLICA DOS CAMPOS EN SAN CIPRIÁN

* O Grupo de Goberno deu a coñecer unhas imaxes que describen como será a nova praza, na que se multiplican as zonas arboradas, os espazos de repouso, e as prazas de aparcamento

* Destacan pola súa importancia na futura praza as áreas destinadas a albergar actividades deportivas e unha dúas novas zonas de xogos infantís

* O Concello de Cervo amosa a súa satisfacción polo inicio das obras para a recuperación dun espazo que será cen por cen público, e cen por cen libre de edificacións

Cervo, 4 de setembro de 2010.- O Grupo de Goberno municipal vén de informar do inminente inicio –comezarán esta semana- das obras de construción da nova praza pública dos Campos en San Ciprián. Esta actuación ten por obxecto crear un novo espazo urbano de 6.470 metros cadrados deseñado para o uso e disfrute dos veciños, que poderán desenvolver nel distintas actividades de ocio e esparexemento, así como outras ao aire libre como son o mercado semanal e as principais citas festivas. O financiamento dos traballos de construción da nova praza corren a cargo da Xunta de Galicia que asinou para este obxecto un convenio co Concello que supera o millón de euros.

O Grupo de Goberno municipal deu a coñecer unhas infografías -imaxes dixitais- (en arquivo xunto) que permiten comprobar como será a futura praza dos Campos unha vez rematen os traballos para a súa construción. Un dos espazos públicos máis céntricos da Península da Paz verá multiplicadas as zonas arboradas, as áreas de repouso e o número de prazas para o estacionamento de vehículos. Ademais aproveitando as obras de construción da nova praza se mellorarán as redes de saneamento, alumeado público, teléfono e outros servizos, incluíndo a dotación de novo pavimento –granito, formigón e asfalto- e dun moderno mobiliario urbano.

DEPORTE, REPOUSO E XOGOS INFANTÍS
Nas imaxes proporcionadas polo Consistorio municipal destacan, pola súa importancia dentro do espazo da futura praza, as áreas destinadas a albergar actividades deportivas (unha cancha de xogo, cos laterais cubertos para evitar a perda de balóns), os espazos para o repouso (con mobiliario elixido con criterios estéticos, ergonómicos e funcionais) e dúas amplas zonas para os xogos infantís, as máis grandes de todo o termo municipal (separadas en función da idade de uso dos diversos aparatos de xogo), co seu perímetro balado e co chan adaptado para maior seguridade dos nenos, rodeada ademais por zonas verdes.

100% PÚBLICO, 100% LIBRE DE EDIFICACIÓNS
O Goberno municipal traballa deste xeito para recuperar a personalidade dun espazo, que será cen por cen público, e cen por cen libre de edificacións, e que foi deseñado para que poida ser aproveitado para o seu uso cultural, deportivo, festivo e social. Ademais a praza dos Campos de San Ciprián disporá de elementos tales como ramplas, rebaixados e accesos amplos, que permitirán salvar os obstáculos arquitectónicos cos que habitualmente se teñen atopado persoas con mobilidade reducida ou discapacitados.

SATISFACCIÓN DO GOBERNO MUNICIPAL
O Equipo de Goberno municipal amosou a súa plena satisfacción polo inicio dos traballos de construción da nova praza e lembraron que se trata dun proxecto no que levamos traballando desde hai moito anos, demandado pola veciñanza, e que poderá ser realidade dentro de pouco.

Exit mobile version