Site icon Crónica3.com A Mariña

Chegan a Foz as exposicións “Viñetas descubertas” e “Miña Terra Galega”

NOTA DE PRENSA
A Consellería de Cultura achegará a Foz unha escolma do mellor da banda deseñada galega dos últimos anos coas exposicións “Viñetas descubertas – Certames galegos 2000-2008 ” e “Miña Terra Galega”, que estarán instaladas no CENIMA dende o 1 ó 15 de setembro.
Esta iniciativa pretende amosar o traballo creativo dos 16 autores galegos máis representativos do cómic galego. É unha selección de 72 ilustracións que foi estreada cunha magnífica acollida na pasada edición do Salón Internacional do Cómic de Barcelona (FICOMIC).
Ámbalas exposicións percorrerán 23 concellos galegos ó longo deste ano 2010, nunha iniciativa que a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura inscribe na súa liña de colaboración co sector da banda deseñada galega.
A exposición “Viñetas descubertas- Certames galegos 2000-2008” recolle unha panorámica da obra realizada polos autores gañadores dos galardóns máis importantes destes últimos anos en Galicia. Inclúe unha representación do traballo de Marcos Calo, Mariano Casas, Cosme, Jano, Juan Luis Pérez, Martín Romero, Antonio Seijas, David Rubín (encargado da elaboración do cartel oficial de Ficomic 2009) e Jacobo Fernández.

Doutra banda, a mostra “Miña Terra Galega” resume a visión de oito dos nosos creadores mais destacados actualmente en activo na nosa terra sobre os tópicos, verdades comunmente asumidas e temas relacionados con Galicia, desde os máis ou menos socorridos como a choiva, a paisaxe ou o marisco ata os menos tratados, como a música ou as fantasías populares. Diego Blanco, Manel Cráneo, José Domingo, Alberto Guitián, Emma Ríos, Kiko da Silva, Iván Suárez e Alberto Vázquez son os autores representados na mostra a través de historietas de cinco páxinas creadas expresamente para o certame de Barcelona

Exit mobile version