Nota de Prensa
A CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR CONCEDE PRETO DE 2 MILLÓNS DE EUROS AO CONCELLO PARA CONSTRUÍR UNHA RESIDENCIA-CENTRO DE DÍA EN SAN CIPRIÁN
O Pleno da corporación reunirase esta semana para aprobar a distribución do gasto plurianual para levar adiante esta nova infraestrutura
Cervo, 27 de setembro de 2010.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, anunciou hoxe que a Consellería de Traballo e Benestar Social da Xunta de Galicia ven de concederlle ao Concello unha subvención de 1.996.000 euros para a construción dun Centro de Día-Residencia na vila de San Ciprián.
Segundo indicou o rexedor, a contía total da subvención farase efectiva en catro anualidades, sendo a cifra asignada para o presente exercicio 91.559,51 euros. “Por iso, na comisión de asuntos do pleno que celebramos hoxe expuxemos ao resto de formacións políticas a nosa intención de levar ao Pleno que faremos esta semana un acordo para aprobar o gasto plurianual desta nova infraestrutura en base ás contías asignadas na axuda concedida pola Xunta e poder así cumprir con tódolos trámites administrativos requiridos o máis pronto posible” indicou Villares.
O primeiro edil cervense agradeceu ao Executivo galego a ratificación desta subvención e indicou que esta asignación económica para o futuro Centro de Día-Residencia demostra o compromiso da Xunta con Cervo “e materializa a palabra dada en xaneiro pasado pola conselleira Beatríz Mato, cando visitou o noso concello e anunciou este investimento”.
Villares asegurou que esta residencia e centro de día era algo moi demandado por moitos veciños do concello e salientou que coa súa construción cúmprese un dos obxectivos marcados polo Goberno municipal.
PROXECTO
O novo edificio no que se integrarán unha residencia para maiores de 48 prazas e un centro de día con capacidade para 24 persoas está previsto que se constrúa nun terreo de 2.830 metros cadrados de titularidade municipal situado na zona da Veiga, entre o pavillón de deportes e o estadio municipal. Terá unha superficie total construída de 8.432 metros cadrados distribuídos en cinco andares: semisoto, planta baixa e tres plantas altas (nas que irán destinadas á área habitacional da residencia).
Na planta baixa ubicarase a entrada principal e os servizos administrativos do centro, así como a zona de consulta médica e de rehabilitación, ademais dunha pequena zona de servizos e unha sala de actividades varias destinada ao centro de día. No semisoto irán ubicados os distintos departamentos de servizos da residencia (cociña, lavandería, almacéns, vetiarios de persoal, etc…). O semisoto tamén se destinará para ubicar na súa parte traseira o comedor e a sala de estar común, os cales terán acceso a un xardín e a unha área de esparexemento.
En cada unha das tres plantas altas, de carácter residencial, distribuiranse oito habitacións dobres e dúas individuais, ademais dunha zona de estar comedor, a enfermería e zonas de control, aseos, e servizos.
No concello de Cervo existen actualmente un total de 1.193 residentes maiores de 60 anos, potenciais usuarios deste servizo