Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo subvenciona a instalación de receptores da TDT vía satélite

Nota de Prensa

ABERTO O PRAZO PARA OPTAR ÁS SUBVENCIÓNS MUNICIPAIS PARA FACILITAR A CAPTACIÓN DA TDT NOS FOGARES DO CONCELLO

* Os beneficiarios con dereito a percibir esta axuda deberán certificar que se trata da súa vivenda habitual e deberán aportar tamén un informe técnico onde se certifique que no seu domicilio non se recibe o sinal da TDT

* As axudas concederanse en función do nivel de renda dos solicitantes

Cervo, 21 de setembro de 2010.- Dende onte permanece aberto o prazo para optar ás subvencións articuladas polo Concello de Cervo con fondos propios para a instalación de receptores vía satélite naquelas vivendas do termo municipal de Cervo que non poidan captar o sinal da TDT por vía terrestre e facilitar, deste xeito, a captación de dita sinal a través do sistema de difusión satélite.

Así  ao daba a coñecer hoxe o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, unha vez que as bases da convocatoria destas subvencións foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia.

ENTRE 100 E 300 EUROS DE AXUDA

Os beneficiarios con dereito a percibir estas axudas deberán ser maiores de idade, estar empadroados no municipio e certificar que a vivenda cos problemas de captación do sinal é a súa habitual. Deberán aportar tamén un informe técnico dun antenísta ou instalador habilitado onde se certifique que no seu domicilio non se recibe o sinal da TDT e que a única opción para a recepción é a colocación dun aparato vía satélite.

Os gastos subvencionables deben de realizarse entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2010 (ambos inclusive) e a contía das axudas ven marcada en base aos ingresos da renda per cápita familiar dos solicitantes. Así, aqueles solicitantes cuxa renda per cápita familiar sexa igual ou inferior ao IPREM (6.390,13 €/ano) recibirán unha axuda de 300 euros; mentres que aqueles domicilios solicitantes cuxa renda per cápita familiar sexa do 100% ao 150% do IPREM (entre 6.390,13 e 9.585,10 €/ano) terán dereito a unha axuda de 100 euros.

O prazo para presentar a documentación rematará o vindeiro oito de outubro (20 días a partires do día seguinte o da publicación destas Bases no Boletín Oficial da Provincia de Lugo).

O alcalde cervense reiterou que dende o Concello de Cervo queren así  axudar a paliar os problemas dalgunhas vivendas do municipio coa captación da TDT “e garantir así a recepción da televisión dixital terrestre para os veciños de todas as zonas do noso termino municipal” sinalou.

Exit mobile version