Nota de prensa
O CONCELLO PON EN MARCHA A SEGUNDA TEMPADA DO PROGRAMA ‘EDUC@ANDO’
* Esta iniciativa é gratuíta e consiste na celebración de obradoiros e talleres educativos para os alumnos de ensino infantil, primaria e secundaria; e tamén para as súas familias.
Cervo, 15 setembro de 2010.- Tralo éxito acadado o curso pasado, o Concello de Cervo organiza a través da súa delegación de Educación e coa colaboración da empresa IG-10 unha nova edición do proxecto “Educ@ndo”, consistente nunha serie de obradoiros e talleres para os alumnos de ensino infantil, primaria e secundaria do concello, así coma tamén para as súas familias.
Esta iniciativa de carácter gratuíto deuse a coñecer este mediodía no Concello de Cervo polas concelleiras Yolanda Pedreira (Educación) e Pilar Armada (Asuntos Sociais) e pola coordinadora de ditas actividades, Lucía Lage. Está previsto que os obradoiros comecen a vindeira semana e se prolongarán ata mediados de decembro.
Os talleres, que se desenvolverán nas aulas dos tres centros educativos do concello fora do horario lectivo, son de moi diversas temáticas. Para os rapaces e rapazas está previsto desenvolver talleres de inglés, mecanografía, informática, internet, redes sociais, interacción social e autoestima; así como técnicas de estudio. Ademais, tamén hai previsto unha serie de talleres que van dirixidos a os nenos e ás súas familias. Neste caso os obradoiros centraranse en áreas coma as de informática, inglés, ou interacción social.
Segundo indicou a concelleira de Educación do Concello de Cervo, Yolanda Pedreira, o programa “Educ@ando” ten por obxecto “servir nalgúns casos coma reforzo do curso escolar; e noutros casos de complemento para á súa formación e tamén a dos seus pais”. A responsable municipal agradeceu a colaboración amosada tanto polos equipos directivos coma polos consellos escolares dos tres centros de ensino do municipio “os cales cederon moi gustosamente as súas instalacións para que se podan desenvolver estas actividades” sinalou.
Pedreira convidou a toda a comunidade escolar do concello e aos seus pais a participar nesta actividade. “En vista da boa resposta acadada na anterior edición estamos seguros que estes talleres terán tamén unha boa acollida, xa que é unha oportunidade de combinar a diversión coa formación dos nenos e nenas do noso municipio e tamén dos seus pais e nais”.
Por último, Pedreira adiantou que nos vindeiros días o Concello ten previsto poñer tamén en marcha un programa de obradoiros dirixidos expresamente a fomentar os valores de igualdade entre os alumnos de Infantil de Primaria dos centros escolares do municipio.