DERON COMEZO NO NÚCLEO DE CERVO OS TRABALLOS PARA O AFORRO ENERXÉTICO DO ALUMEADO PÚBLICO
* Os farois da rúa Xosé Álvarez e das zonas do parque municipal e da Aldea están sendo substituídos por uns novos de baixo consumo
* O custe dos traballos supera os 111.600 euros e ten por obxecto reducir e optimizar o consumo de electricidade sen reducir o nivel lumínico do alumeado
Cervo, 2 setembro de 2010.- Esta semana estanse a desenvolver no núcleo urbano de Cervo os traballos do Programa Municipal de Aforro e Eficiencia Enerxética de alumeados públicos posto en marcha polo Goberno local. Concretamente estas obras abranguen a rúa Xosé Álvarez e as zonas do parque municipal e a da Aldea.
O programa de aforro e eficiencia enerxética -iniciado en maio pasado- consiste na modernización dos alumeados en distintas rúas dos principais núcleos de poboación do municipio, sendo o custe das obras que se están a desenvolver no núcleo de Cervo de 111.625 euros.
Segundo indicou o rexedor cervense, Alfonso Villares, con esta actuación o Concello pretende así paliar as feroces subas dos recibos da luz das compañías eléctricas mediante a mellora e a modernización das instalacións e tendidos de luz, “para conseguir así reducir ao máximo o noso consumo de enerxía eléctrica, xa que este gasto é un dos máis importantes para as nosas arcas municipais” indicou.
O Programa Municipal de Aforro e Eficiencia Enerxética dos alumeados públicos de Cervo ten por obxecto a modernización dos sistemas lumínicos dos tendidos municipais nos núcleos de Cervo, San Ciprián, Lieiro, Castelo, Río Cobo, Espiñeirido, Daián, A Ruela, Gondrás ou O Penido entre outros.
Con el, o grupo de Goberno municipal persegue racionalizar o uso da enerxía con instalacións de maior eficiencia enerxética encamiñadas a reducir e optimizar o consumo de electricidade en términos unitarios, pero sen reducir o nivel de servizos que presta aos veciños do termino municipal. “Esperamos poder racionalizar o uso da enerxía con instalacións de maior eficiencia enerxética que van encamiñadas a reducir e optimizar o noso consumo de electricidade en términos unitarios, pero sen reducir a calidade do servizos que prestamos aos cervenses” salientou o alcalde