Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo asina un convenio coa Xunta para participar no Plan “Galicia Saudable”

Nota de prensa:
CERVO PARTICIPARÁ NUN PROXECTO PILOTO A NIVEL GALEGO PARA O FOMENTO DA ACTIVIDADE FÍSICA

*

O Concello e a Secretaría Xeral para o Deporte veñen de firmar un convenio de colaboración para a posta en marcha en Cervo do Plan “Galicia Saudable” promovido pola Xunta de Galicia

Cervo, 24 de setembro de 2010.- O Concello de Cervo acaba de asinar un convenio de colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia co obxecto de desenvolver un proxecto piloto a nivel autonómico consistente na implantación dunha Unidade de Promoción do Exercicio (UPE) neste municipio. Así o deron a coñecer este mediodía o alcalde de Cervo, Alfonso Villares e o edil de Deportes, Rubén Fernández.

Este proxecto forma parte do Plan de Fomento da Actividade Física ‘Galicia Saudable’ da Secretaría Xeral para o Deporte mediante o cal se persegue dar unha resposta integral ao sobrepeso e o sedentarismo. As Unidades de Promoción do Exercicio que se ubicarán nos distintos concellos galegos serán as encargadas de levar a cabo a implantación de dito Plan mediante a posta en marcha de programas de acción á poboación para garantir a mellora da saúde e da calidade de vida dos veciños a través da promoción e fomento da práctica regular de actividades físicas saudables.

“Trátase de promover e impulsar a práctica da actividade fisica de xeito regular e saudable. Evitando o sedentarismo en todos os colectivos e as idades e prestando especial atención a sectores da poboación coma escolares, persoas da terceira idade, discapacitados, inmigrantes ou persoas con enfermidades suceptibles de prevención e mellora mediante o exercicio” indicou o edil de Deportes cervense.

Con esta finalidade o Concello ten previsto habilitar unha sede para a Unidade de Promoción do Exercicio que servirá coma punto de referencia co fin de atender e asistir aos cidadáns en materia de práctica regular e adecuada do exercicio físico saudable e na que desempeñarán o seu traballo dous profesionais na materia. Ademais, está previsto poñer tamén en marcha un punto “Móvete”, consistente nun espazo para dirixir sesións de actividade física saudable preferentemente enfocada a adultos e maiores sedentarios. Tamén se creará un servizo de atención e asistencia á poboación con sobrepeso ou obesidade dirixido especialmente a escolares en coordinación cos centros escolares e de saúde; e porase en marcha un servizo de avaliación e asesoramento a persoas cuxas características requiran unha atención personalizada para a práctica deportiva (enfermos cardiovasculares ou con patoloxías que aconsellen adaptacións específicas do exercicio).

O rexedor local, Alfonso Villares, destacou a importancia desta iniciativa posta en marcha en colaboración coa Xunta de Galicia “porque é unha aposta por traballar para cambiar, en clave de actividade física e de saúde, a nosa sociedade”, aseverou Villares. “Unha das bases de toda acción política ten que ser a promoción das condicións necesarias para que os cidadáns de calquera idade e condición teñan a posibilidade de practicar actividade física e deporte”, agregou Villares, sinalando que o grupo de Goberno local leva anos traballando neste eido “e por iso non imos escatimar esforzos para levar adiante e conseguir alcanzar os nosos obxectivos que nos temos marcado nesta materia”.

Exit mobile version