“Sargadelos es una organización pionera en la defensa de valores culturales y sociales, con una larga trayectoria histórica,(…), con un proceso industrial-artesanal (…) acción social en relación a los recursos humanos (comedor de empresa, conciliación vida laboral-familiar, personal mayoritariamente femenino) diseños basados en motivos relacionados con la tradición y cultura de Galicia con un origen y un significado, protección y defensa de valores gallegos, desarrollo sostenible, calidad, trabajo en equipo, etc.”.
Así define a dirección de Cerámica de Sargadelos a esta singular empresa enclavada no Concello de Cervo na Mariña de Lugo. E xa nesta declaración de principios resulta cando menos curioso que o seu compromiso coa cultura do noso país e a defensa dos seus valores non inclúan o uso do idioma propio da nosa terra.
Vendo esta contradición non é de estrañar que a dirección da empresa que fala dos seus traballadores nos seguintes termos, “el componente humano es la base de la producción y de la acción de la Fábrica de Sargadelos…”, logo, na práctica, trate aos empregados como o “problema” a solucionar.
A última negociación mantida nesta empresa mostrou ao comité de empresa e aos sindicatos alí representados a verdadeira faciana dos “novos xestores” de Sargadelos. Foi unha parodia de ERE de extinción onde o obxectivo non era buscar as solucións menos traumáticas para empresa e traballadores, o verdadeiro obxectivo foi facer unha “caza de bruxas” que apartara da empresa “aos que o merecen” (en palabras do mesmo conselleiro delegado) e coa que puidera demostrar a firmeza do “novo orden” establecido na empresa.
Se a IMAXE fai de Sargadelos unha empresa singular, e que lle da ese compoñente de exclusividade e de valor engadido á súa produción, moito me temo que estes novos xestores van ter que gastar moitos cartos en publicidade (moito mais do que van a “aforrar” en persoal) para lavar a imaxe que a golpe de ERE estanse a labrar.
Sargadelos necesita ser recoñecido por ser vangarda no deseño, na calidade, na cultura e no compromiso social e non por ser a primeira empresa que utiliza a nova reforma laboral para desfacerse por unha miseria de traballadoras e traballadores altamente cualificadas/os e que entregaron a vida enteira a ese proxecto empresarial.
Aínda están a tempo de rectificar e demostrarnos que efectivamente os “principios” que marcaron a filosofía desta empresa seguen a estar vixentes e non son so papel mollado. Os accionistas deben darse conta de que o futuro da empresa e a valoración da súa marca están ligados a esa imaxe de “empresa cultural e respectuosa “ que se lles supoñía. Tirar pola borda esa imaxe é tirar pola borda o seu máis valioso activo.
Xorxe Caldeiro Díaz