Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela celebra a “Semana europea da mobilidade” do 16 ao 22 de setembro

Nota de prensa:
DO 16 AO 22 DE SETEMBRO TERÁN LUGAR EN BURELA DIVERSAS ACTIVIDADES DENTRO DA SEMANA EUROPEA DA MOBILIDADE. XOGOS, PASEOS POLA VILA OU CIRCUITOS DE EDUCACIÓN VIAL CENTRAN O PROGRAMA.
Burela, 13 de setembro de 2010. Do 16 ao 22 de setembro terán lugar en Burela diversas actividades dentro da Semana Europea da Mobilidade. Están destinadas sobre todo aos nenos por seren máis receptivos diante do coidado e do respecto co medio ambiente, segundo explicou a edil Lucía Bouza.
A concelleira socialista sinalou que “como xa ven sendo habitual desde os derradeiros tres anos a Delegación de Medio Ambiente participa na Semana Europea da Mobilidade. Nesta ocasión celébrase baixo o lema Móvete con intelixencia, vive mellor. As actividades comezarán o vindeiro xoves 16 de setembro e rematarán o 22, xornada na que se celebra o Día Europeo da Mobilidade”.
A responsable de Medio Ambiente dixo que “este ano, aínda que hai actividades para adultos, estamos máis centrados nas adicadas ao público infantil xa que sempre se mostran moi receptivos a calquera tipo de actividade que estea relacionada co coidado e co respecto ao medio ambiente. A ampla lista de actividades está impresa nun díptico que repartiremos polos dous colexios de Burela para informar ben aos nenos e nenas de todo o que poden facer durante a semana. Haberá xogos o domingo, que será o día no que pechemos varias rúas ao tráfico e aproveitaremos para xogar ao futbolín, ao pimpón, ao baloncesto, ás carreiras de sacos… tamén haberá paseos pola vila e outras actividades que iremos detallando ao longo dos vindeiros días”.
Lucía Bouza engadiu que “todas as actividades están organizadas polas monitoras de Gaia, pola técnico de medio ambiente e tamén participan nalgunhas os monitores deportivos do Concello. Están abertas a todos os que queiran participar”.

Exit mobile version