Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela aumentou as visitas turísticas do verán con respecto ao ano anterior

Nota de prensa:
UNHAS 12.000 PERSOAS PASARON POR BURELA AO LONGO DO VERÁN, O QUE SUPÓN UN INCREMENTO IMPORTANTE CON RESPECTO AO ANO PASADO. O CONCELLEIRO DE TURISMO FAI UNHA VALORACIÓN MOI POSITIVA.

Burela, 7 de setembro de 2010. Arredor de de 12.000 persoas pasaron por Burela ao longo do verán, o que supón un incremento importante con respecto ao ano pasado. O concelleiro de Turismo, José González Legazpi, fai unha valoración moi positiva destes datos e incide “na importancia do turismo, principalmente de proximidade e por tanto na potencialidade do Concello no seu avance cara a consecución dunha máis grande capacidade turística”.

O edil nacionalista sinala que “dende a oficina de turismo de Burela se ten rexistrado nestes pasados meses unha afluencia de visitantes de proporcións algo superiores ao pasado verán, representando en computo global que ao remate do mes de agosto estiveron interesándose polo concello de Burela e tamén pola comarca da Mariña, algo máis de 5.200 persoas, máis de 4.500 persoas as que visitaron o barco museo Reina del Carmen, polo que pasaron en algún só día máis de 150 visitantes, téndose dado tamén o caso dalgún fin de semana no que se superaron na oficina de turismo as 700 persoas”.

González Legazpi destaca que “a procedencia maioritariamente é da nosa comunidade autónoma, principalmente do eixe atlántico, seguida de Asturias e tamén é moi representativa a afluencia de persoas chegadas dende a capital de España, e do norte peninsular, concretamente de Cantabria e País Vasco, pero tamén de Castela-León ou Cataluña, e algún outro pais de ámbito internacional; destacar igualmente a mobilidade experimentada na área de autocaravanas, de distintas procedencias, principalmente da zona de Levante, o que representa evidentemente indicadores favorables para o afianzamento turístico do concello, que dentro dunha valoración na que se inclúan os movementos da area de autocaravanas podemos determinar que rematado o verán de 2010 pasaron por Burela unhas 12.000 persoas o que representa un incremento importante a respecto do pasado ano”.

O concelleiro de Turismo engade que “estes indicadores favorables, en tanto que determinan claramente o afirmativo resultado dos procesos que se veñen realizando cara a divulgación e participación en distintos certames e medios de influencia, que fan posible o achegamento de visitantes ao noso concello, así como a implantación de medios de intercomunicación e novas tecnoloxias para favorecer a nosa presenza, xunto co desenvolvementos de políticas encamiñadas á valorización e mellora dos recursos turísticos do Concello, xa que logo o turismo representa unha parte importante da economía municipal en canto que posibilita accións de desenvolvemento para os distintos sectores económicos de Burela”.

Exit mobile version