Nota de Prensa
A Executiva Comarcal do BNG ofrece o seu apoio á CIG diante da Folga Xeral do 29 que deberá servir para reclamar o mantemento dun servizo educativo de calidade e igualitario na comarca
Veiga acusou ao PP de levar adiante un demantelamento progresivo no ensino público na Mariña obrigando ao estudantado a trasladarse a outras zonas da provincia e do país
As representacións do BNG e da CIG coincidiron en denunciar a sistemática política de recortes en materia educativa que está a executar o Partido Popular e lembraron que na Mariña a redución da oferta educativa nos diferentes niveis do ensino así como de servizos complementarios. Neste sentido repasaron os recortes producidos en primaria que se concretan no feche da escola unitaria de Vieiro (Viveiro) e dunha aula de infantil no Vista Alegre (Burela), consecuencia de anos . No tocante a secundaria analizaron a situación que se crea coa ensinanza de adultos coa eliminación do Bacharelato presencial no IES Gamallo Fierros (Ribadeo), Foz e Monte Castelo (Burela) así como da ESO de adultos en Foz. Na mesma liña estudaron a problemática que xorde coa eliminación de ciclos formativos en Foz e Viveiro, realidade que pode empeorar coas novas rateos unha vez que a Consellaría de a coñecer o mapa definitivo da formación profesional. Xa que logo os representantes do BNG e da CIG quixeron deixar constancia do seu malestar pola decisión de eliminar ciclos formativos e a educación de adultos en diferentes centros de ensino na Mariña e da actitude ditatorial da Consellaría á hora de tomar este tipo de decisións que non teñen ningún fundamento posto na maioría dos casos hai alumnado suficiente para manter dita oferta. Así mesmo, denuncian os recortes de profesorado e a falta de especialistas tanto en primaria como en secundaria que redundan nun empeoramento da calidade da ensinanza ao obrigar aos centros a facer reaxustes de grupos e de horarios, non poder atender as necesidades educativas nin levar adiante os programas previstos co que o fracaso escolar aumentará.
A Portavoz da CIG-Ensino, Dores Fernández Abel, denunciou a “oposición a aumentar as rateos mínimas para manter ou abrir ciclos de tal xeito que fai perigar moitos deles, así como a decisión de suprimir a modalidade presencial na ensinanza de adultos coas consecuencias negativas que isto suporá con respecto á redución da oferta educativa e á destrución de emprego público. As consecuencias xa se comprobaron na adxudicación de prazas en Secundaria e Formación Profesional onde 676 profesores en Galiza perderon o seu traballo, moitos deles da nosa comarca. Ao mesmo tempo, a eliminación deste profesorado nos centros de secundaria trae como consecuencia que haxa cada vez máis profesorado que ten que impartir máis materias afíns das que non é especialista coa conseguinte perda de calidade na ensinanza. O goberno de Feixóo, non só non crea emprego, senón que o destrúe”
Tamén asegurou “todas estas medidas vendidas como de austeridade e control do gasto público choca cos máis de 1 millón de euros que ven de tirar ao lixo a Xunta no cambio de libros de texto para aplicar o decreto de plurilingüismo”
Para a CIG Ensino o día 29 de setembro, día da Folga Xeral, ten que darse unha resposta contundente se non queremos que a situación para os empregados públicos siga empeorando, posto que o goberno central xa está decidido a seguir recortando os salarios para o ano 2011 nos mesmos termos que aplicaron desde o mes de xuño (5%) e continuar coa redución das pagas extras (aproximadamente un 30% menos). Xunto a iso tamén se propón conxelar a oferta de emprego público, ademais das interinidades e as coberturas por xubilación, alén de limitar a taxa de reposición ao 10%.
Antonio Veiga, Portavoz Comarcal do BNG, considerou estas decisións como “un agravio comparativo entre ámbito rural e o urbano e que imposibilitará de feito o desexo de moitos alumnos/as da Mariña de querer cursar estes estudios ou ter que desprazarse a máis de 100 quilómetros para poder cursalos” e solicitou “manter a oferta educativa nos ciclos formativos, en primaria e na educación permanente de adultos nos centros de ensino da Comarca para o curso 2010-11 e cunha oferta educativa suficiente e adaptada á realidade social e económica da Comarca da Mariña”.
Por último, o Portavoz Comarcal nacionalista “dixo estar convencido de que tanto as medidas antisociais de Zapatero como as tomadas por Feijoo na Xunta de Galiza terán cumprida resposta o 29 de marzo xa que non se pode facer pagar con maior dureza os efectos desta crise á maioría social mentres os responsábeis da mesma continúan a amasar as súas fortunas con total descaro mentres se suceden os recortes no estado de benestar”