NOTA DE PRENSA:
O BNG DE BARREIROS CONSIDERA QUE O TEMPO DEMOSTROU QUE CO PP NON HAI CONFIANZA NIN FUTURO. OS NACIONALISTAS ASEGURAN QUE O CONCELLO CAMIÑA CARA UN BRUTAL DESCENSO DOS INGRESOS AGRAVADO POLA AUSENCIA TOTAL DE DOTACIÓNS E EQUIPAMENTOS NAS DIFERENTES PARROQUIAS BARREIRENSES.
Barreiros, 9 de setembro de 2010. A asamblea local do BNG de Barreiros considera que o tempo demostrou que co PP no Concello non hai confianza nin futuro.
Os nacionalistas lembran que “nas eleccións municipais de 2007 o PP de Barreiros nos seus panfletos anunciaba confianza é futuro. Pasados xa mais de 3 anos a cidadanía comprobou que nin hai confianza nin se agarda un futuro esperanzador con este irresponsable goberno do Partido Popular. No seu folleto electoral do ano 2007 prometían entre outras cousas o inminente desenvolvemento do PXOM, a execución do proxecto dunha nova rede de abastecemento de auga para todo o concello (3,5 millóns de euros), unha depuradora de residuais en San Miguel (1,5 millóns de euros), o saneamento na zona sur e incluso se atrevían a prometer, como resumo das súas propostas e con moito valor e pouca vergoña despois de ter consentido os desmáns urbanísticos que consentiron, o desenvolvemento dun medio natural sostible”.
Os responsables da asamblea local do BNG engaden que “na carta que o alcalde ten por costume enviarlles aos veciños para pedirlles o voto volvía incidir no mesmo e dando xa por acadados os investimentos precisos para as infraestructuras anunciadas no panfleto (decía textualmente acadamos importantes investimentos para o noso concello que en breve verás executado…). Lonxe de acadar eses investimentos, Barreiros camiña cara un brutal descenso de ingresos agravado pola ausencia total de dotacións e equipamentos para as diferentes parroquias que o Concello tiña que recibir e non recibíu nin esixiu dos beneficiarios da actividade promotora-urbanizadora”.
Desde o BNG sinalan que “a actividade do concello nestes anos consistíu únicamente nun frenético proceso de contratación de persoal, sen ningunha selección e cargando irresponsablemente as xa maltreitas arcas municipais que xa non teñen capacidade para ningún novo investimento, pois a partida de persoal lévase mais do 60% do orzamento, concretamente 1.740.000€, dun orzamento total aproximado de 3.500.000€”. Os nacionalistas puntualizan que “as contratacións obedecen na maioría dos casos única e exclusivamente a intereses electorais, dándose xa casos de contratacións xa non individuais, senón por grupos, sendo moi comentados entre o pobo a existencia de clans familiares na plantilla municipal”.
A asamblea local do BNG di que “como non podía ser doutro xeito dada a hipocresía e cinismo a que nos teñen acostumados desde as filas populares, para rematar a misiva, Alfonso Fuente botáballe as culpas (non se sabe moi ben de qué) ao BNG e ao daquela goberno bipartito da Xunta. Curiosamente 3 anos e medio despois e sen poñer ningunha solución factible enriba da mesa e cunha cantosa espantada diante do famoso convenio por parte das institucións nas que goberna o PP, este partido, incapaz de dar solucións e atrapado nas súas promesas electorais incumplidas, volve á mentira para desviar a atención, acusando novamente ao bipartito e utilizando para iso aos parlamentarios populares mariñáns, sempre fieis aos intereses do seu partido pero totalmente alleos aos intereses de Barreiros e da comarca”.
Para o BNG queda demostrado que “o desenvolvemento urbanístico sostible non pode levarse a cabo cun goberno do PP, que no caso de Barreiros é o responsable da desfeita. Desfeita que todos os grupos, agás o BNG, pretenden amañar con cartos públicos, con cartos de todos, con 14 millóns de euros do erario público, porque desde o concello foron incapaces de esixir os servizos, as dotacións e os equipamentos a quen había que esixirllos. Eses 14 millóns de todos e todas supóñenlle a cada barreirense 4300€ e co agravante de que os veciños da zona sur non van recibir ningún deses hipotéticos servizos ainda que cos seus cartos se intente dar servizos aos que os tiñan que poñer e non o fixeron”.