Nota de prensa:
O PROXECTO RÍOS INICIOU A SÚA CAMPAÑA DE OUTONO 2010 E ORGANIZA AS XII XORNADAS DE FORMACIÓN DO VOLUNTARIADO ENTRE OUTRAS ACTIVIDADES.
O 15 de setembro iniciouse a campaña de outono do Proxecto Ríos, que se prolongará ata o 31 de outubro.
Santiago de Compostela (16 setembro 2010)
O Proxecto Ríos é unha iniciativa de Educación e Voluntariado Ambiental promovida por ADEGA. A finalidade deste programa é dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantenemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.
Durante esta campaña de outono están programadas saídas formativas con distintas entidades (centros de ensino de primaria e secundaria, concellos, asociacións, grupos ecoloxistas,…). As saídas formativas consisten en realizar roteiros polo río escollido desenvolvendo e explicando a un grupo de participantes do Proxecto Ríos a metodoloxía e partes do programa. Na saída explicaranse de maneira didáctica os pasos a seguir para que o grupo de voluntarios poda logo desenvolver o programa autonomamente.
Nesta campaña de outono todos os grupos participantes deberán facer as inspeccións cos novos materiais: manual de inspección básica de ríos, ficha de identificación de macroinvertebrados e reactivos para a medición de pH, nitratos e osíxeno disolto. Pódese descargar a nova Ficha de Campo para a Inspección de Ríos da nosa páxina web: www.proxectorios.org no apartado de “descargas”, que haberá cubrir cando se faga a inspección e enviar á sede do Proxecto Ríos.
Ademais queremos dar conta das actividades programadas polo Proxecto Ríos para esta campaña de outono:
A fin de semana do 25 e 26 de setembro organizamos un roteiro por Pena Trevinca dentro do programa Roteirríos 2010. Este ano os roteirríos están adicados a poñer en valor os ríos de montaña. Para poder participar se pode consultar a páxina web do Proxecto Ríos onde ven a programación e o contacto para se anotar.
Faremos o XII Curso de Formación de Coordinadores/as na Estación de Hidrobioloxía do Encoro do Con o sábado 2 de outubro. Estará adicado á utilización do Índice de Calidade Hidromorfolóxica (IHF), co que avaliaremos a calidade do hábitat do punto de mostreo do treito de río estudado.
O 3 de outubro celebrarase a III Limpeza Simultánea de Ríos na que, como en anos anteriores, faremos tarefas de limpeza en ríos de 22 concellos. Na nosa páxina aparecerá publicado o listado destes concellos cos nomes e teléfonos dos coordinadores para que a cidadanía poida participar.
A fin de semana do 15, 16 e 17 de outubro desenvolveremos a cuarta e derradeira quenda do IV campo de voluntariado ambiental do río Tea. O prazo de inscrición xa está aberto, e pódese descargar a ficha na nosa páxina web (www.proxectorios.org).