Nota de prensa:
A CASA DA ADMINISTRACIÓN ACOLLE O VENRES A ACTUACIÓN DO TRÍO ´MURMEL’ DENTRO DA PROGRAMACIÓN ‘ESPAZOS SONOROS’
*
A sede do Real Patronato de Sargadelos acolle o segundo dos cinco espectáculos deste festival organizado pola Consellería de Cultura que persegue a valorización do patrimonio histórico galego e a promoción da creación musical no noso país.
Cervo, 29 de setembro de 2010.- O vindeiro venres, 1 de outubro, a partires das 12.30h. a Casa da Administración de Sargadelos acollerá a segunda das actuacións e espectáculos musicais programados dentro do festival “Espazos Sonoros” organizado pola Consellería de Cultura e Turismo en diversos puntos de toda a xeografía galega.
Nesta ocasión será o trío feminino Murmel quen ofrecerá un concerto ben singular. Murmel son bruxas do século XXI con gañas de facer unha homenaxe ás súas pobres e malpocadas devanceiras por medio do humor, da música, da palabra, do xesto… Son peludas, son teimudas e debaixo da carapucha levan medos de risa, risas de medo, poesías celludas, conxuros fundamentais, bailes para desfacer tolemias e algunha que outra idea brillante…
Cantan, bailan, recitan e rin evocando distintos estilos, dende a música medieval ata o ultratúmbico, para os cativos e para os que aínda conservan o seu recuncho de pequerrechos. Por isto, esta actuación está especialmente indicada para os nenos en idade escolar (O Concello convidou ao CEIP Cervo nº1, de aí o seu horario de celebración), aínda que o espectáculo estará tamén aberto ao público en xeral.
A programación de “Espazos Sonoros” que se está desenvolvendo na Casa da Administración de Sargadelos foi presentada o pasado día 1 de setembro pola delegada territorial da Xunta, Raquel Arias e o alcalde de Cervo, Alfonso Villares.
Enmarcado na programación do Xacobeo 2010, “Espazos Sonoros” continúa nesta súa terceira edición fiel así mesmo e á intención coa que naceu, que é a de facer unha aposta pola valorización do patrimonio histórico galego e pola promoción da creación musical no noso país.