Nota de Prensa
O VINDEIRO LUNS 6 DE SETEMBRO ÁBRESE O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA PARTICIPAR NAS ESCOLAS DEPORTIVAS QUE POR CUARTO ANO CONSECUTIVO ORGANIZA A DELEGACIÓN DE DEPORTES DE BURELA.
Burela, 3 de setembro de 2010. O vindeiro luns ábrese o prazo de inscrición para participar nas escolas deportivas que organiza o Concello de Burela.
A edil de Deportes, Neves Cando, manifestou que “o vindeiro 6 de setembro ábrese o prazo de inscrición para participar nas escolas deportivas. Por cuarto ano consecutivo botamos a andar desde a Delegación de Deportes estas escolas deportivas que, como na tempada pasada, continuaremos cos convenios que asinamos cos clubes de Burela, o baloncesto, o fútbol sala e SD Burela para desenvolver estes deportes. As inscricións para éstas citas deben facerse nos propios clubes”.
A concelleira nacionalista engadiu que “ademáis disto ofrecemos para todos os públicos actividades como patinaxe, tenis, tenis de mesa, bádminton, aerobic, xinmasia rítmica e de mantemento e xogos tradicionais. Para todas estas actividades o prazo de inscrición tamén da comezo o luns 6 de setembro e poderáse facer no Concello, na Biblioteca e na Casa da Xuventude”.
Cando dixo que “a actividade deportiva propiamente dita comezará o 13 de setembro e estenderáse ata finais de maio do ano que ven. Posteriormente o 1 de outubro dará comezo nos dous colexios do noso concello o resto da oferta de actividades deportivas con aerobic infantil e xogos psicomotrices”.