NOTA DE PRENSA:
IGUALDADE SUBVENCIONA CON MÁIS DE 42.000 EUROS O MANTEMENTO DAS ASOCIACIÓNS E FEDERACIÓNS DE MULLERES DA PROVINCIA DE LUGO
Unha vintena de entidades da provincia benefícianse destas achegas, que están destinadas a sufragar os gastos de funcionamento das asociacións
Lugo, 1 de setembro de 2010.- A Secretaría Xeral da Igualdade distribuirá 42.606 euros nunha liña de axudas económicas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres. O obxectivo deste programa é promover a igualdade e a participación e presenza das mulleres na vida política, económica, cultural e social.
A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, valorou a importancia desta liña de subvencións, que sufraga “os gastos correntes das asociacións, como os de aluguer da sede ou material de oficina”. Arias destacou que “estas axudas permiten ás asociacións desenvolver o seu labor sen ter que empeñar os seus axustados orzamentos en gastos de funcionamento”.
A delegada subliñou tamén o papel que xogan as asociacións de mulleres, e en particular as do medio rural, “onde actúan como verdadeiros motores de dinamización, principalmente no eido social e da cultura”.
As achegas beneficiarán a máis de vinte entidades luguesas, que poderán afrontar, a través das mesmas, os custos que orixine o seu funcionamento durante o ano 2010.
Deste xeito, Igualdade subvenciona ata un 90% do orzamento presentado por aquelas asociacións de mulleres sen ánimo de lucro que estean domiciliadas na comunidade autónoma de Galicia e inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, nas áreas de actuación da muller ou de igualdade.
As entidades beneficiarias na provincia de Lugo recibirán axudas de ata 6.000 euros, contribuíndo así ao funcionamento e mantemento destas asociacións que, dende diferentes ámbitos e escenarios, traballan pola promoción da igualdade.
A subvención do funcionamento ten como obxectivo facilitar o desenvolvemento das actividades propias e habituais da entidade, incluíndo gastos de subministros, material funxible de oficina e ofimático, correo e outros análogos. Tamén serán subvencionables os gastos de persoal que desenvolva unicamente funcións administrativas.
Todos os gastos serán correntes e polo tanto, as entidades beneficiarias non poderán imputar gastos de inversión para a xustificación da axuda concedida. En ningún caso serán subvencionables os gastos correntes derivados do desenvolvemento de actividades ou programas da entidade solicitante.
Trátase ademais de entidades que centran o seu labor na defensa do papel da muller no medio rural, entre as que se contan agrupacións de mulleres rurais, de viúvas, amas de casa ou asociacións de carácter sociocultural e artístico