Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta “tíralle das orellas” ao PP de Xove pola mala xestión do PXOM, asegura o BNG

Nota de Prensa

A Xunta “tíralle das orellas” ao PP de Xove pola mala xestión do PXOM

O grupo municipal do BNG, a través do seu intenso traballo no consistorio, conseguiu que o persoal técnico da Xunta de Galiza inste ao goberno do PP de Xove a corrixir o Plan Xeral de Ordenación Municipal. O Plan Xeral adoecía dunha serie de irregularidades que, tal e como os nacionalistas espuxeran hai seis meses no pleno polo que se aprobaba provisionalmente, facíao contrario a Dereito.

Xesús Fernández Bouza, voceiro nacionalista en Xove, desvelou que o goberno xovense non quixo ter en conta os problemas de inseguridade xurídica que o BNG local detectou no pleno do 15 de marzo de 2010. No Bloque decatáranse de que nos planos se realizaran unhas correccións que non figuraban no documento inicial, co que si estaban dacordo os nacionalistas. Só o BNG xovense advertira que grandes extensións de Solo Rústico de Protección Agropecuaria (SRPA) foran pasadas a Solo Rústico de Protección Forestal (SRPF) sen comunicarllo ao resto dos grupos políticos (BNG, AVEXO e PSdeG-PSOE).

Ante a petición de Bouza, naquel entón, de deixar o SRPA como estaba na aprobación inicial, desde o executivo municipal manifestouse que iso provocaría o adiamento da entrada en vigor do PXOM por moitos meses. Este extremo fixo que, nun acto de responsabilidade coa cidadanía que leva agardando demasiado tempo pola aprobación do Plan Xeral, o BNG optara pola abstención debido ás irregularidades detectadas.

O concelleiro do BNG, Xesús Fernández Bouza, expresou nesta mesma liña a súa preocupación pola ausencia dunha preparación exhaustiva, por parte do goberno municipal, do pleno onde inicialmente se debateu a “norma urbanística básica” para o Concello de Xove. Naquel entón, desde as fileiras populares cualificárase o traballo do BNG como “demagoxia política”. Os nacionalistas entenderon agora que a demagoxia estaba asentada no PP, dado que votaron a favor coas eivas que tiña nun primeiro momento o Plan Xeral e volveron votar de novo a favor da súa modificación uns meses despois. O BNG mantivo unha postura coherente en todo momento ao dicir sempre o mesmo e poñer por diante o interese xeral de Xove.

Exit mobile version