Nota de prensa:
ANTONIO VEIGA ENTREGOU OS TROFEOS DA XII CARREIRA POPULAR DE VIVEIRO
Esta edición da carreira lembrou especialmente a Julián Bernal, atleta galego con máis de 700 carreiras no seu palmarés, falecido o pasado mes de marzo
VIVEIRO, 19 de setembro de 2010. O delegado da Área de Deportes da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, entregou os trofeos da XII edición da carreira popular de Viveiro, que este ano estaba dedicada especialmente á memoria do atleta galego Julián Bernal. A proba celebrouse en dúas xornadas: onte sábado e hoxe domingo, e nela participaron ao redor de 400 atletas de diversas categorías, dende nenos e nenas de moi corta idade ata veteranos de máis de 60 anos.
Antonio Veiga fixo entrega dos trofeos a algúns dos gañadores, entre os que se atopa a atleta galega María Abel.O delegado de Deporte afirmou que “a Área de Deporte da Deputación apoia firmemente aos colectivos como o club Egovarros, organizador deste evento”. Os ao redor de 400 participantes tiveron que realizar un percorrido de 12 quilómetros na dúas xornadas de celebración da carreira: o sábado ás 17:00 horas, as categorías menores masculina e feminina saíron do pavillón municipal, e hoxe domingo 19, ás 11.30 da mañá saíron do mesmo lugar as categorías superiores tamén nas súas modalidades masculina e feminina.