Tiveron que pasar dous anos e dous millóns e medio de parados máis para que o Goberno ZP asumira que unha reforma laboral é necesaria. Moitas das persoas que hoxe perderon o seu traballo pregúntanse se non só foi consecuencia da crise, senón tamén pola indecisión, mala xestión e a arrogancia do Executivo socialista.
Desde o Partido Popular sempre defendemos o positivo de promover unha reforma laboral, pero nunca unha como esta, que non foi capaz de convencer nin aos traballadores, nin aos emprendedores, nin aos expertos, nin aos sindicatos que, tras anos de pechar os ollos, convocaron unha folga xeral. Agora que por fin fan algo o Goberno socialista non só chega tarde, senón que ademais actúa mal.
Hoxe máis que nunca os cidadáns constatamos a defunción do proxecto político de Zapatero, que tumba algúns dos seus piares fundamentais ao abaratar o despido unilateralmente e reducir as prestacións sociais. Pero o que aínda resulta máis grave é que a reforma laboral socialista non está formulada para contratar, senón para despedir. Fai só uns meses no PSOE dicían que abaratar o despido non era o camiño para crear emprego, algo que agora esquecen incluso a sabendas de que non vai servir de nada, salvo para seguir facendo pagar o prezo da crise aos cidadáns.
No PSOE perderon o rumbo e chegan incluso a xustificar as palabras do seu líder cando afirmaba que un desempregado que fai cursos non está en paro senón que traballa para España. O Goberno socialista está máis preocupado en maquillar os datos do paro que en resolvelo. De aí que non sexa casualidade que o primeiro ministro que anuncia o abandono do barco de Rodríguez Zapatero sexa o do emprego. Cada vez están máis solos, cada vez dan máis ás costas aos cidadáns.
Os populares non nos conformamos con que Galicia, segundo os últimos datos coñecidos, fora unha das Comunidades nas que menos sobe o paro e só descansaremos cando entre todos consigamos rematar con esta lacra. O PP converteuse na única alternativa para o cambio, a única crible, porque xa demostramos que na responsabilidade de Goberno é posible ser líderes en xeración de empregos e non como agora, con ZP, líderes europeos en paro.
Os populares asumimos un compromiso claro: seguiremos traballando para minorar a forza dos golpes que lanza o Goberno central contra os cidadáns, e para crear unha alternativa sólida. Estamos convencidos de que a única fórmula para xerar emprego pasa porque Zapatero perda o seu. A Mariña, Galicia, España precisan repoñerse das erradas políticas socialistas. Hoxe resulta un feito demostrado improvisando unha vez máis, os socialistas fan pagar a crise a desempregados, traballadores, á xuventude e aos xubilados. Poñamos fin á traizón de Zapatero, digamos non ás políticas do PSOE que se teñen convertido en sinónimo de paro.