Site icon Crónica3.com A Mariña

Concellos de Lugo estarán entre as dez primeiras sedes electrónicas do Estado, prevé a Deputación

Nota de prensa:
O Innova-TE da Deputación situará ós Concellos de Lugo entre as 10 primeiras sedes electrónicas de España

– O organismo provincial logrará ademais co programa tecnolóxico dotado de 9 millóns de euros poñer á provincia lucense á cabeza de Galicia na e-administración

– Gómez Besteiro e Vázquez Portomeñe inauguraron o primeiro curso que imparte na Comunidade INTECO, instituto dependente do Ministerio de Industria

– 300 persoas participaron na primeira xornada formativa das máis de 200 que organizará a Deputación ante a vindeira chegada á provincia da administración aberta 24 horas

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Subdelegado do Goberno, José Vázquez Portomeñe, inauguraron este mércores o primeiro curso sobre o uso do DNI electrónico na administración pública que impartiu INTECO, instituto dependente do Ministerio de Industria, en Galicia. Con esta pioneira xornada na Comunidade, a Deputación pon en marcha a etapa de formación ós cidadáns ante a vindeira chegada á provincia da administración aberta 24 horas grazas ó Innova-TE, o programa tecnolóxico dotado de 9 millóns de euros, co-financiado nun 70% pola Unión Europea e nun 30% polo INLUDES.

Gómez Besteiro subliñou que “o noso gran cliente é o veciño quen verá que somos unha administración moderna e útil que lle permitirá realizar 120 trámites coa administración antes do verán de 2011”. Deste xeito, nun tempo récord dun ano, o organismo provincial situará ós 50 Concellos lucenses que de forma voluntaria se sumaron ó Innova-TE entre as 10 primeiras sedes electrónicas de España, así como á provincia de Lugo á cabeza de Galicia na e-administración. Pola súa banda, Vázquez Portomeñe destacou que “con esta iniciativa a Deputación acadará en Lugo unha administración máis próxima, máis óptima, máis áxil, máis igualitaria, máis transparente e que ademais permitirá ós traballadores da administración conciliar a vida laboral e familiar”.

Detrás do Innova-TE existe un enorme esforzo de todo o equipo: técnicos da Deputación, técnicos municipais dos municipios da provincia e persoal da UTE encargada de executalo –mais de 70 persoas- que, coordinadas pola empresa Mnemo, contan coa colaboración de importantes multinacionais como Fujitsu, Software AG e Novasoft-. Neste senso, o Presidente salientou que “estamos en mans das mellores empresas de tecnoloxías no mundo para que, coa implicación de todos os veciños, logremos que Lugo teña unha administración sen papel en 2011 ”.

200 xornadas formativas

O titular do organismo provincial incidiu en que “temos unha ambiciosa aposta para que as 24 horas dos 365 días ó ano haxa alguén ó outro lado da ventanilla da administración atendendo ós veciños; un gran reto que cómpre da colaboración de todos”. Neste senso, agradeceu a participación nesta primeira xornada formativa das máis de 200 que organizará a Deputación para dar a coñecer o uso e as avantaxes da e-administración.

Unhas 300 persoas, -funcionarios, empresarios e cidadáns en xeral-, participaron, entre a convocatoria de mañá, de 11:00 a 13:00 horas, e a de a tarde, de 16:00 a 18:00 horas, no curso impartido polo técnico de seguridade de INTECO, Roberto Martínez. A xornada, avalada polo Ministerio de Industria e a primeira que o instituto dependente do Goberno Central realiza en Galicia, deu a coñecer a chave da administración do futuro: o DNI electrónico.

Exit mobile version