Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación facilita o acceso á e-administración cun curso sobre DNI electrónico pioneiro en Galicia

Nota de prensa:
A Deputación facilita o acceso á e-administración cun curso sobre DNI electrónico pioneiro en Galicia

– A iniciativa, incluída no programa Innova-TE, dispón de 374 prazas e está dirixida a traballadores da Deputación e dos Concellos, a PEMES, colexios oficiais e cidadáns en xeral

– A formación está avalada polo Ministerio de Industria e terá un custe 0 para os participantes, “polo que a Deputación faise cargo dos custes que supón impartir unha formación destas características, aforrándolle cartos ós beneficiarios”

– A inscrición pode realizarse dende hoxe ata o 20 de setembro, enviando un formulario ó email innovate@deputacionlugo.org ou chamando ó 982 2600 77

– A Xunta de Goberno aprobou o convenio para a ampliación da Ponte de Nois, en Foz, na que Deputación e FEVE invisten 110.000 euros

O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, anunciou este venres que o día 22 de setembro arranca o programa formativo do Innova-TE, destinado a favorecer e facilitar o acceso á eadministración, cun curso pioneiro en Galicia sobre a utilización, a seguridade e os beneficios que ofrece o DNI electrónico á hora de relacionarse telematicamente coa administración.

Neste senso, Gato Soengas explicou que “ademais de poder realizar 120 trámites coa administración, a formación era outro dos obxectivos do programa tecnolóxico que garante a implantación da administración electrónica nos Concellos que voluntariamente se adheriron ó programa en menos dun ano, ó tempo que aforra tempo e cartos ós veciños e crea novos postos de traballo coa incorporación de persoal cualificado”.

Está dirixido a traballadores da Deputación e dos Concellos, a PEMES, a colexios oficiais e a cidadáns en xeral. Ademais, terá un custe 0 para os beneficiarios, “é dicir, a Deputación faise cargo dos custes que supón impartir unha formación destas características, aforrándolle cartos ós beneficiarios”.

O Innova-TE, co-financiado nun 70% por fondos FEDER e dotado con 9 millóns de euros, supón un avance sin precedentes na provincia e converte á Deputación de Lugo na primeira administración en traballar en rede cos Concellos.

Formación avalada polo Ministerio de Industria

Trátase da primeira acción formativa que imparte a Deputación dentro do programa Innova-TE. Será impartida pola empresa INTECO-CERT, dependente do Ministerio de Industria, de tal xeito que ó remate da mesma os participantes recibirán un diploma oficial por parte do departamento estatal, ademais dun lector de DNI electrónico. “Será unha formación completa e prestixiosa, xa que o propio Ministerio avala a calidade dos cursos. Quero animar á xente a que se apunte porque o futuro desta provinicia pasa polo cemento pola sociedade da información e as novas tecnoloxías”.

O curso celebrarse no Salón de Actos e inclúe ademais formación sobre a sinatura electrónica e os certificados dixitais. Dispón de 374 prazas, que se reparten do seguinte xeito: 187 para a quenda de mañá en horario de 11:00 a 14:00 horas e, 187 para a da tarde, que se impartirá de 16:00 a 18:30 horas. A inscrición pode realizarse dende hoxe ata o 20 de setembro. Os interesados deberán cubrir un formulario que poderán descargar na páxina web da Deputación e reenvialo ó enderezo electrónico innovate@deputacionlugo.org ou ben poñéndose en contacto co servizo encargado da organización no número de teléfono 982 2600 77. As prazas asígnanse por orde de chegada da inscrición.

Convenio para a ampliación da Ponta Cabana, en Foz

Na Xunta de Goberno ratificouse o convenio de colaboración asinado entre a Deputación, FEVE e o Concello de Foz, para a ampliación da Ponte Cabana situada na parroquia de Nois. “Deste xeito, Gómez Besteiro cumpre coa súa palabra cando realizou este anuncio nunha visita realizada a esta localidade no mes de agosto, que implica que as tres administracións se fan cargo destes traballos de forma conxunta”.

A Ponte Cabana é un paso superior sobre a línea do ferrocarril moi estreito facendo imposible a circulación de dous vehículos e poñendo en perigo os viandantes. O documento subscrito establece que a corporación municipal redactará o proxecto, aportará os terreos e executará as obras de ampliación, mentras que a Deputación e FEVE encargaranse do financiamento da obra, que ten un investimento de 110.000 euros. Concretamente, o organismo provincial achega 50.000 euros e a entidade dependente de Fomento 60.000, polo que o Goberno Central e o organismo provincial aforran este custe ó Concello.

Esta actuación enmárcase dentro da aposta da Deputación pola máxima cooperación cos Concellos. Asimesmo, engádese ás obras de mellora de máis de 2,2 quilómetros da estrada que une Casa Pequenete e Espiñeira nas que o organismo provincial inviste 500.000 euros dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública dotado de 60 millóns de euros. “Trátase dun proxecto que a anterior corporación provincial deixou licitado e contratado pero que non executou porque non expropiaron os terreos. A Deputación retomou, modificou e ampliou esta iniciativa pasando dos 400 metros que anteriormente se prevían mellorar á totalidade da vía tal e como reclaman os veciños da zona”, sinalou Gato Soengas.

Exit mobile version