Nota de Prensa
Gómez Besteiro evitou despilfarros millonarios na Fundación TIC que o PP intentou facer estando en funcións
– A Deputación denuncia graves irregularidades na Fundación TIC durante a época do equipo de Barreiro semellantes ás acontecidas no Pazo de Tor
– A TIC gravaba co Partido Popular galas en Toledo de Manolo Escobar, David Civera ou Pimpinela das que se beneficiaba unha produtora de fóra que, á súa vez, gañaba cartos pasándolle ós Concellos de Lugo unha factura de 5 millóns de pesetas por saír na gala
– Díaz Valiño subliña que “nós non somos coma outros que tiñan razón pero calaron. Non queremos levantar alfombras, non é o noso estilo. Pero ante as graves inxurias non imos quedar calados”
Díaz Valiño subliñou que o uso que facía o Partido Popular da Fundación TIC era “un auténtico despilfarro e un auténtico escándalo”. Deste xeito, lembrou que cando o PP perdeu as eleccións, e só 3 días antes de que Besteiro tomase posesión, “a toda présa, o Partido Popular adxudicou dous contratos millonarios en equipos técnicos totalmente desproporcionados para a Fundación TIC, máis propios dunha televisión de Berlusconi, por valor de 400.000 euros, 65 millóns de pesetas. Este modo de adxudicar cando un goberno está en funcións recorda ó que utilizaba os de José Manuel Barreiro noutra Fundación: a do Pazo de Tor”. O Deputado destacou que, ante esta situación, o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, conseguiu que as propias empresas adxudicatarias renunciasen a eses contratos xa que elas mesmas consideraban, segundo mantén o escrito, “que existía unha excesiva desproporción entre a inversión e as necesidades que tiña a Fundación Tic”; e completou os equipos técnicos realmente necesarios para que os alumnos da Escola de Imaxe e Son fagan prácticas “porque son os mesmos cos que van traballar cando se incorporen ó mercado laboral. Nin máis nin menos”.
A provincia, o obxectivo da Fundación TIC
A Deputación marcou como obxectivo da Fundación a provincia de Lugo. “Polo tanto, é normal que cubramos as actividades de interese xeral da Deputación provincial o que non é normal é que o PP queira vetar ó Presidente, ¿ou é que Feijoo está vetado nas noticias da Xunta que emite a TVG?”. Deste xeito, enviáronse cartas ós 67 Concellos lucenses para ofrecerlles os servizos audiovisuais da TIC; realizáronse máis de 70 vídeos para promocionar economicamente as empresas lucenses; preparáronse gratuitamente vídeos promocionais dos municípios e das súas actividades –como por exemplo en Vilalba, ou a Semana Santa da Mariña para difundila en Fitur. Da mesma forma, os alumnos fan un informativo semanal que promociona a provincia e que se emite en todos os medios de comunicación; realizáronse as Galas de Aniversario da Muralla de Lugo e a Pasarela dos deseñadores e artesáns lucenses, todas elas recollidas nas principais televisións nacionais; fixéronse retransmisións deportivas dos equipos lucenses que se emitiron por exemplo en Canal Plus; grabáronse vídeos de promoción das Reservas da Biosfera emitidos en Dixital Plus; e ducias de convenios de colaboración con empresas de Lugo e asociacións.
En comparanza, Díaz Valiño lembrou que “co PP, co equipo de Barreiro, o obxectivo da Fundación nunca foi a provincia. A TIC era utilizada para gravar galas de Manolo Escobar, David Civera ou Pimpinela das que se beneficiaba unha produtora de fóra que, á súa vez, gañaba cartos pasándolle ós Concellos de Lugo unha factura de preto de 5 millóns de pesetas por saír na gala”. O Deputado destacou ademais que o Partido Popular enviaba equipos completos de gravación a lugares “tan de Lugo” como: Sanxenxo, Noia, Combarro, Padrón, Xinzo de Limia, Ortigueira, León ou Toledo.
Do despilfarro á rentabilidade
“Besteiro convertiu en rentable unha Fundación TIC símbolo do despilfarro do equipo de José Manuel Barreiro”. O membro do Padroado da Fundación TIC xustificou estas declaracións poñendo varios exemplos:
1.- “Cos de José Manuel Barreiro, a fama desta Escola era tan mala que todos os anos sobraban prazas de matrícula. Con Besteiro cubríronse as prazas e nalgunha especialidade temos lista de espera. Por algo será”.
2.-“Con Barreiro, a Fundación TIC apenas era coñecida. Besteiro centrou o esforzo na formación académica, multiplicando os convenios e acordos coas asociacións lucenses nun 200% e conseguindo que os chavales accedan a través de becas ó mercado laboral, o que vai facilitar a súa inserción no futuro. Ademais, abrimos a Fundación á sociedade, formando en novas tecnoloxías. Como media, 80 persoas visítannos cada semana a través do programa Km0”.
3.- “Cos de Barreiro, os chavales non podían estudiar en Lugo. Con Besteiro, os rapaces xa non teñen que marchar a Coruña ou Vigo ás escolas de Imaxe e Son. Teñen dereito a estudiar en Lugo e así o están escollendo. Ademais Besteiro implantou a matrícula gratuíta, favorecendo a formación da xuventude”.
4.-“Co equipo de Barreiro, as instalacións desta Escola e da Produtora do Ceao eran ratoneiras, nun estado deplorable. Con Besteiro a Escola está sendo acondicionada. Ademais, este ano comezarán as obras no piso superior -que se convertirá no primeiro centro de innovación de Galicia dedicado ó benestar social- e, cando a situación económica o permita, lle tocará ó piso inferior”.
5.-“Todo este traballo, nos permitiu dar estabilidade laboral ós profesores e técnicos auxiliares de docencia que os de Barreiro tiveron durante moitos anos en situación que rozaba a ilegalidade e que non aceptaría ningún xulgado do social. É máis, con Besteiro por primeira vez os traballadores puideron escoller os seus representantes sindicais”.
6.- “O pasotismo dos de Barreiro é tal que, cando celebramos os Padroados da Fundación TIC para dar conta destas actuacións a todos os partidos políticos, os de Barreiro non asisten e, se algunha vez o fan, é para absterse”, denunciou.
Díaz Valiño concluiu setenciando que “nós non somos coma outros que tiñan razón pero calaron. Non queremos levantar alfombras, non é o noso estilo. Pero ante as graves inxurias non imos quedar calados”.