Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegada da Xunta en Lugo presentou o programa cultural da Casa da Administración de Sargadelos

NOTA DE PRENSA
A DELEGADA TERRITORIAL PRESENTOU A PROGRAMACIÓN CULTURAL A DESENVOLVER NO OUTONO NA CASA DA ADMINISTRACIÓN DE SARGADELOS, EN CERVO

 Raquel Arias, acompañada por Alfonso Villares, deu conta destes actos, que demostran “a aposta do goberno galego por dinamizar este espazo de cultura”
 A delegada e o alcalde reiteraron a necesidade de converter o centro cervense nun punto de encontro permanente para os veciños de Cervo e de toda A Mariña

Lugo, 1 de setembro de 2010.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, presentou hoxe o programa de actos culturais a desenvolver nas vindeiras semanas no Museo Histórico de Sargadelos, un programa que responde, segundo apuntou, “á aposta do goberno galego por dinamizar este espazo de cultura”.

A delegada compareceu na propia Casa da Administración de Sargadelos acompañada polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares, para reiterar a “vontade inequívoca” da Xunta de facer deste Museo “punto de encontro permanente para os veciños de toda a Mariña”.

Ao respecto, incidiu en que non se trata só de potenciar o propio Museo, senón de “organizar eventos culturais de diversa índole que sexan capaces de atraer público a esta sede durante todo o ano”.

Neste sentido, comunicou que a Consellería de Cultura, a través do Xacobeo, desenvolverá a partir de setembro o ciclo Espazos sonoros, que achegará cinco espectáculos que porán en escena música, danza ou acrobacias no marco incomparable que ofrece o Museo de Sargadelos.

Arias sinalou que o compromiso da Xunta para revitalizar este centro “pasa non só pola programación de actividades, como neste caso, senón polo mantemento e conservación do importante patrimonio que alberga, e que representa en si mesmo, o Museo Histórico de Sargadelos”.

Precisamente o ciclo Espazos sonoros, explicou Arias, “consiste en fusionar as artes, fundamentalmente a música, e a arquitectura, en novos espazos do patrimonio histórico por descubrir ou redescubrir”.

Na mesma liña, o alcalde de Cervo lembrou que Sargadelos “representa un referente cultural non só na Mariña, senón en toda Galicia e mesmo no Estado”. Atendendo a esta circunstancia, afirmou, “o concello leva anos facendo un grande esforzo por lograr a promoción deste espazo” tanto dende o punto de vista patrimonial como cultural.

O rexedor valorou positivamente a aposta da Xunta “pola posta en valor deste lugar, que pola súa historia trascende o ámbito local e comarcal ata estenderse ao resto de Galicia”

Programación en Cervo
A partir do 17 de setembro, e durante todos os venres do mes de outubro, o Museo Histórico de Sargadelos acollerá, dentro do ciclo Espazos sonoros, as actuacións de Girovago & Rondella Family Theatre, Murmel, Xograresca, Oh! Trío, e o quinteto Nuestro Tiempo.

Abirán o programa os integrantes de Girovago & Rondella Family Theatre. Esta familia de artistas italianos presenta o espectáculo Mano Viva: o boneco de cinco dedos que camiña, unha obra áxil e fascinante baseada en acrobacias e situacións divertidas.

Corresponderá ao quinteto Nuestro Tiempo pechar a programación, o 29 de outubro, propoñendo un percorrido a través do tango e da música composta por Astor Piazzolla, un dos compositores de tango máis célebre do mundo.

Exit mobile version