O director xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, respondeu a diferentes preguntas na comisión 8ª de pesca e marisqueo
A Consellería do Mar destaca que a campaña do bonito deste ano está a ser a mellor dos últimos seis anos
As descargas deste túnido son a mediados de agosto un 51% superiores e o seu valor en lonxa supera nun 72% a media dos últimos seis anos
Mar publicará unha nova orde de bases para a concesión de axudas para a realización e proxectos piloto “con sistemas de avaliación aínda máis transparentes que os do bipartito”
A Consellería realizou a transferencia de crédito das partidas de pesca artesanal para desguace da frota na procura dunha xestión económica eficaz
Volver Imprimir Enviar
Santiago, 24 de setembro de 2010.- A Consellería do Mar, destaca que a campaña do bonito deste ano está a ser a mellor dos últimos seis anos. O director xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, informou de que “a campaña do bonito do norte do presente ano incrementa de maneira espectacular os seus resultados respecto á media dos anos pasados por estas datas”. O director xeral sinalou que, segundo os datos de mediados agosto, as descargas deste túnido son un 51% superiores e o seu valor en lonxa supera nun 72% a media do período 2004-2009.
Con respecto ao total da campaña de 2009, Juan Maneiro indicou que “as descargas do que levamos desta campaña xa superan nun 21% as de 2009 ao final da costeira e o valor das vendas xa é un 7% superior”. Tamén destacou que, ata agora, o prezo medio baixou nun 11% “con toda probabilidade coma consecuencia do notable incremento dos kilos de peixe capturados este ano”, apuntou.
Ademais de dar conta dos resultados da campaña boniteira actual, o director xeral concretou as actuacións de promoción e apoio realizadas pola Consellería do Mar coa finalidade de contribuír á valoración deste produto. Unha delas é a implantación individualizada para cada exemplar capturado, dunha etiqueta que identifica as capturas dos buques que actúan de maneira responsable co medioambiente. No 2010 a Consellería repartiu máis de 250 mil etiquetas nos portos galegos vinculados a esta actividade. Ademais o director xeral citou a campaña Faino Bonito, dirixida fundamentalmente aos puntos de venda e que incide segundo lembrou Maneiro “naquelas características que mellor definen e diferencian o bonito do norte”.
Proxectos piloto
Por outra banda, sobre a non resolución dos expedientes presentados ao abeiro da orde do 20 de outubro de 2008 de concesión de axudas para a realización e proxectos piloto, Juan Maneiro lembrou que o prazo de presentación rematou en decembro de 2008 “cando Carme Gallego dirixía a daquela Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos”. Salientou que cando o seu departamento accedeu á Xunta, a finais de abril de 2009, a anterior Consellería non publicara a orde de dotación de crédito para a realización dos proxectos piloto dese ano, cando a orde especificaba como data límite para a selección e resolución dos proxectos o 31 de maio.
Segundo espuxo o director xeral, “esta desastrosa tramitación do anterior goberno non fixo posible publicar a orde tampouco no ano 2009”. Maneiro aclarou ademais que, coa orde do 19 de maio de 2010, tamén se dá acollida aos proxectos presentados no ano 2008 e 2009, para o que “foi preciso realizar determinadas modificacións”, apuntou. Ademais o titular de Competitividade e Innovación Tecnolóxica aclarou que a Consellería do Mar publicará unha nova orde de bases “con sistemas de avaliación aínda máis transparentes” para regular a concesión deste tipo de axudas para o próximo ano 2011.
Xestión dos FEP
En canto á transferencia de crédito das partidas de pesca artesanal para desguace da frota, Juan Maneiro insistiu en que a consignación orzamentaria da orde para a medida 1.4 do FEP (Pesca costeira artesanal) é froito da distribución destes fondos realizada na anterior lexislatura e “a día de hoxe non nos quedaría máis que aplicala tal e cal está”. Este feito levaría, á vista da experiencia na tramitación das ordes acollidas a este fondos, á súa inexecución, polo que estes fondos foron destinados ás achegas para despezamentos. Esta elección foi levada a cabo en base a que “os únicos cambios orzamentarios que podemos facer son entre medidas dun mesmo eixo”, engadiu.
O director xeral informou de que a orde contou con 148 solicitudes presentadas, pero que “debido á complexidade da orde” non foi posible conceder ningunha das axudas ao resultar “non subvencionables” os conceptos solicitados. Neste sentido, Maneiro salientou que a nivel nacional se aprobou menos do 4% dos fondos destinados a esta medida, que é a de máis baixa porcentaxe de execución ao abeiro dos fondos FEP no conxunto de España. Foron estas as razóns, segundo indicou, polas que o propio bipartito non repetiu a convocatoria anual da orde en 2009 e no ano 2010, e engadiu que tamén se decidiu non convocala ante a posibilidade de expórse a non poder executar o orzamento dispoñible. O que fixo a Consellería do Mar, na procura dunha xestión económica eficaz, foi acumular o crédito dispoñible, de máis de 2´9 millóns de euros, á medida de paralización definitiva das actividades pesqueiras xa que era a única medida que non cubría as necesidades orzamentarias de todas solicitudes presentadas. Deste xeito, a Consellería asegúrase non perder os cartos.